CIG-Saúde exixe a Feixó más estabilidade para o persoal e menos propaganda

Lembra que os éxitos da loita contra a covid “son do persoal da sanidade pública, non seus”

Nacional -

A CIG-Saúde denuncia a apropiación, por parte do presidente da Xunta, do traballo desenvolvido polo persoal da sanidade pública nunha demostración máis da “excesiva e exaxerada admiración que sente pola súa persoa”.

Fronte a isto CIG-Saúde atribúe todos os éxitos da loita contra a COVID-19 ás traballadoras e traballadores da sanidade pública que levan na primeira liña de actuación, non só, desde marzo do 2020, senón durante todos os anos do seu exercicio profesional .

Persoal ao que se lle suspenderon os seus dereitos laborais: vacacións, días libres, permisos e que, voluntariamente, está a incrementar as súas xornadas de traballo, xa sexa en día laboral ou domingo, “para garantir a cobertura asistencial nas unidades de hospitalización,  UCI, atención primaria, campañas de vacina ou cribados”.

Un sobre esforzo que a secretaria nacional, María Xosé Abuín, afirma que non tivo, por parte de Feixó, “nin o máis mínimo recoñecemento” e do que ademais, recibe unicamente “unha precariedade laboral insostible”.

Precariedade e inestabilidade

Neste sentido, Abuín lembra que xa “custou traballo que fixeran contratos de 6 meses de duración pola COVID”. Advirte que “non sabemos que vai pasar cando no mes de maio remate o decreto de alarma” e pregúntase se “volveremos a contratos por días”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura ademais que Feixó “non recolleu nin unha soa medida de estabilidade na modificación da Lei de Saúde que acaba de aprobar, esmagando coa súa maioría, no Parlamento” e cuestiona a súa suposta pretensión de rematar coa taxa de reposición e dar estabilidade ao persoal. “Unha taxa de reposición que cumpriu e nunca denuncio durante o goberno de Rajoy”.

Xunto a esta, Abuín engade outras agresións que sofre o persoal da sanidade. “Feixó leva roubando salarios ao persoal do SERGAS desde a súa etapa de Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade, na que placidamente se paseaba pola illa de Arousa”.

Completemento específico

A este respecto lembra que o persoal do SERGAS percibe unha retribución inferior, de media 200€, no complemento específico, que o persoal que traballa na Administración Autonómica en quenda de maña de luns a venres. Un complemento específico que, matiza, “retribúe as condicións particulares dos postos de traballo atendendo á súa especial dificultade técnica, dedicación responsabilidade, perigosidade ou penosidade”. Condicións que “para Feixó, non cumpre o persoal do SERGAS”.

Por iso a CIG-SAÚDE exixe “un pouco de dignidade pola súa parte” e que recoñeza publicamente que os éxitos da sanidade son froito do traballo e compromiso das/os súas/seus profesionais, e non seus. Isto xunto ao recoñecemento de que “ten unha débeda histórica do persoal do SERGAS” e que se comprometa a devolver “os salarios que nos ten conxelados”.

Respecto desta cuestión María Xosé Abuín vai máis alá e pide ao Presidente da Xunta de “deixe de eludir a súa responsabilidade solicitando do goberno do estado un recoñecemento ao persoal da sanidade, mentres aquí ten conxelado desde o ano 2010 os acordos da mesa sectorial do SERGAS. Acordos  que si recoñecían o valor do traballo do persoal da sanidade”.

Volver