CIG-Saúde exixe ao SERGAS que asuma o mantemento do equipamento médico con persoal propio

Alerta dos problemas provocados tras da súa adxudicación a Ibermansa
Compostela - 07 Nov 2016

O 30 de novembro de 2016 remata o contrato de mantemento de equipos electromédicos adxudicado polo SERGAS, en xuño de 2013, á empresa IBERMANSA por un importe de 33.892.225€. A CIG-Saúde exixe do SERGAS que dea as instrucións necesarias ás EOXI para que sexa asumido, con persoal propio, para evitar situacións anteriores. Considera que é a única solución que lle permitiría á sanidade pública galega reducir custes e garantir a calidade do mantemento.

CIG-Saúde lembra que xa desde o primeiro momento alertou de que ese contrato fora adxudicado a dedo e que na práctica suporía incrementar os custes e empeorar a calidade do mantemento. “Non faltou tempo á nosa denuncia para que desde as direccións das distintas EOXI protestaran pola falta de cumprimento do contrato por parte de IBERMANSA”, sinala a CIG-Saúde, quen engade que “a falta de compromiso por parte da adxudicataria provocou ter que suspender intervencións cirúrxicas, trasladar doentes entre hospitais por falta de garantías nas reparacións dos equipos, baixas masivas de equipos sen xustificacións, falta de persoal e un sen fín de situacións que comprometeron o mantemento de equipos, con graves repercusións para a calidade asistencial”.

CIG-Saúde lembra que a Conselleira tivo que responder en sede Parlamentaria para xustificar o por que deste contrato e cal era o motivo para que a pesar dos reiterados incumprimentos do mesmo por parte desta empresa non se lle rescindira. “Os argumentos da Conselleira foron do máis estrafalarios e inconsistentes  para defender unha adxudicación que non había por onde collela”, sinala.

Se naquel momento o SERGAS optou por centralizar a contratación do mantemento electromédico adxudicándollo a unha soa empresa, agora vira 180º e deixa liberdade as EOXI para que sexan estas as que contraten pola súa conta este servizo. “A xustificación dada no seu momento: reducir custes, e mellorar a calidade no mantemento, catro anos despois queda en papel mollado, e polo que parece nada do defendido daquela polos responsábeis do SERGAS se cumpriu”.

Para a CIG-Saúde esa decisión foi un grande erro que supuxo “un verdadeiro caos” no mantemento de equipos electromédicos, por iso advirte que o que pretende agora a dirección do SERGAS “é sacarse de enriba un problema creado no seu día e trasladarllo ás EOXI para que estas fagan o que lles pete sen ningún tipo de control.  Se antes a situación foi un caos agora antóllasenos que non vai ser mellor”.

Por iso reclama que se dean as instrucións necesarias ás EOXI para que  sexa asumido con persoal propio.