CIG-SAÚDE exixe do SERGAS que tome en consideración os datos publicados nos Planos de Ordenación de Recursos Humanos, mediante a Orde de 8 de maio de 2012 e a Orde 5 de decembro de 2013, nas que se contemplaban todas as xubilacións previstas desde o ano 2010 até o 2017. Solicita ademais que a consellaría demande do Ministerio de Sanidade o incremento das prazas en Formación polo sistema de Residencia de Médico/a Interno/a Residente (MIR) e Enfermeiro/a Interno/a Residente (EIR) que se ofertan na Galiza, para atender as necesidades reais que ten o SERGAS de cobertura de profesionais.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, explica que as prazas de médico/a de Familia son as que cobren os postos de atención primaria, urxencias hospitalarias, urxencias sanitarias 061, atención a domicilio e o Centro de Transfusións de Galiza, entre outros. “Se collemos os datos publicados polo propio SERGAS sobre xubilacións e prexubilacións producidas entre o período 2010-2017 e os datos de envellecemento de profesionais sanitarios, as prazas de MIR de Familia que se convocan son claramente insuficientes para cubrir a taxa de reposición dos/as profesionais que se xubilan e as ausencias que se puideran producir”.
A isto engade que, no caso de Pediatría, arredor dun 30% de nenos/as son atendidos/as, en Galiza, por médicos de adultos. “Se ben é verdade que se está producindo un descenso de poboación pediátrica, a consecuencia das nefastas políticas do PP que están provocando un crecemento vexetativo negativo, na actualidade as prazas de pediatría teñen que se adecuar á poboación existente”.
As prazas de MIR convócanse cada ano e cada ano haberá que compaxinar profesionais e oferta para garantir a atención sanitaria atendendo ás necesidades da poboación.
Enfermería
No referente a enfermería, a CIG-Saúde demanda que a oferta de enfermeira/o especialista en Obstetricia Xinecoloxía (Matronas) sexa suficiente para tender ás mulleres en idade fértil deste país garantindo o acceso universal ao Programa da Muller.
Abuín denuncia que Galiza “é das poucas comunidades que tampouco oferta prazas de enfermeira/o especialista en Xeriatría”, por iso demanda tamén a oferta destas prazas na convocatoria de 2017, que sairá no mes de setembro.
A CIG-Saúde entende que diante desta situación a consellaría de Sanidade tiña que negociar co Ministerio, que é quen publica a Orde porque, se non se adaptan as prazas de formación ás necesidades asistenciais, “en breve o SERGAS non disporá de persoal para cubrir a taxa de reposición por xubilacións, as quendas, gardas ou as ausencias deste persoal”.
Non podemos ter a atención primaria como porta de entrada para o sistema sen profesionais para atendela, conclúe.
|
Datos xubilacións SERGAS. Plan de Ordenación RRHH SERGAS
|
|
XUBILACIÓNS
|
ANO 201/13
|
ANO 14/17
|
TOTAL
|
|
Pediatría e áreas especificas
|
69
|
96
|
165
|
|
Medicas/os Familia
|
97
|
218
|
315
|
|
Matronas
|
22
|
43
|
65
|
|
Media de idade maiores de 50 anos 54.77% das/os traballadoras/es
|
|
Nº de Prazas en Formación que se convocan polo sistema de Residencia no SERGAS. BOE 13 de setembro de 2016
|
|
Pediatría e áreas especificas
|
20 prazas
|
|
Médicas/os Familia
|
90 prazas
|
|
Matrona
|
17 prazas.
|