
CIG-Saúde exixe un novo sistema retributivo para as Matronas de Atención Primaria

As matronas de Galiza en Atención Primaria teñen un sistema retributivo do século pasado. Así o afirma a CIG-Saúde, que denuncia, ademais, que non se adapta á poboación que atenden, non ten en conta os factores correctores de dispersión, nin se modificou a pesares do incremento na carteira de servizos deste colectivo.
As matronas de Atención Primaria son as referentes en coidado materno-infantil, na saúde sexual e reprodutiva da muller en idade fértil, na prevención e detección de patoloxías xinecolóxicas ao longo de toda a súa vida e na atención á muller na menopausa.
A súa situación é aínda peor na área sanitaria de A Coruña e en menor medida en Compostela, nas que, segundo denuncia a CIG-Saúde, teñen salarios por debaixo do resto do país pola aplicación dun coeficiente de dispersión inferior ao que se aplica nas outras áreas sanitarias.
Ante este agravio e discriminación, CIG-Saúde demanda da Consellería de Sanidade, como así o fixo en repetidas ocasións, a negociación na Mesa Sectorial do sistema retributivo das matronas de Atención Primaria.
Urxe reparar estas desigualdades retributivas que se están a dar no territorio e negociar para todas un sistema retributivo adecuado á prestación que se realiza.