CIG-Saúde Ferrol critica a falta de transparencia da Xerencia sobre o servizo de limpeza e o peche de camas

Advirten que hai pouco persoal para cubrir as necesidades do hospital
Ferrol - 13 Xun 2022

A CIG-Saúde critica a falta de transparencia que está a practicar a Xerencia da área sanitaria de Ferrol en aspectos tan relevantes para o funcionamento dos hospitais como o servizo de limpeza, no que cada vez hai menos persoal, ou a información relativa ao peche de plantas de hospitalización durante o verán.

Falta persoal no servizo de limpeza

No relativo ao servizo de limpeza, a CIG-Saúde denuncia que cada vez hai menos persoal de limpeza, "pero cando se lle pregunta á Xerencia polo número de presenzas deste persoal a resposta é que se trata dunha información confidencial”. "Non chegamos a entender esta situación, máxime se temos en conta que de solicitar o mesmo para outras categorías desta Área Sanitaria, si temos esa información. Información que por outra banda publica Facenda todos os anos. Non obstante non podemos saber cal é o cadro de persoal de limpeza polo que estamos a pagarlle a unha empresa privada", denuncian.

A este respecto, salientan que previamente á Covid19, o persoal do servizo de limpeza na Área Sanitaria de Ferrol xa era escaso.  Durante a  pandemia incrementáronse algunhas presenzas, pero insuficientes, e agora, en plena fase de volta á actividade normal, "o persoal descendeu por debaixo de niveis  pre-Covid19".

De feito, CIG-Saúde advirte que esta situación se evidencia en moitas plantas de hospitalización, nas que se amorea o lixo pola falta de persoal suficiente para poder retiralo. "Acumúlanse os residuos moito máis tempo do que se deberían xa que non hai persoal suficiente de limpeza para poder facelo de forma satisfactoria", destacan.

Abusos da empresa adxudicataria

A tal punto que algunhas traballadoras e traballadores chegaron a recibir apercibimentos por escrito por parte da empresa, amoestando a este persoal por seren incapaces de cumprir coas excesivas funcións que lles atribúen, e tentado así que prolonguen a súa xornada “gratis” para poder rematar o traballo.

Pero, ao mesmo tempo, a empresa que ten adxudicado o servizo de limpeza castiga o seu persoal cambiándoo de posto no caso de coller unha incapacidade temporal. "Se por exemplo unha das traballadoras, debido aos sobreesforzos que teñen que facer precisan dous ou tres días de repouso por doenzas, vense na obriga de solicitarlle á empresa que lles deixe gozar días das súas vacacións ou outras licencias, pois de non facelo así a súa volta terán que deixar o seu posto habitual e ir a outros máis penosos".

CIG-Saúde denuncia que a empresa "pode facer todo isto e moito máis xa que o propio SERGAS a protexe, permitindo que poida declarar confidencial moitas condicións laborais deste persoal, converténdose así en cómplices".

Peche de camas

Outra situación de falta de transparencia da Área Sanitaria e que xera  incredulidade á CIG-Saúde, "é que o mesmo día que nos informan os medios de comunicación de que non van pechar plantas de hospitalización este verán, están convocándonos a unha reunión para facer constar como en anos anteriores, que se vai a pechar a 3ª Planta do Naval e se vai a recolocoar o seu persoal durante este período".

Unha decisión sobre a que "planea as sombra dos recortes e da falta de planificación". Os peches de plantas de hospitalización supoñen un prexuízo para a poboación, "pero en cambio si son ben recibidos pola administración. Xa que desta forma, e sen contratar novo persoal, pódense cubrir postos en período de vacacións, pois na actualidade existe unha ausencia importante de persoal para cubrir dito período. Pero a solución que busca a Administración a esta escaseza de profesionais é a de pechar servizos en vez de tentar formar máis profesionais".