O TSXG recoñece como servizos prestados o tempo de maternidade a unha traballadora das listas temporais do Sergas

CIG-Saúde amosa a satisfacción por este paso adiante na igualdade e non discriminación da muller

Nacional -

A CIG vén de gañar unha sentenza no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na que se lle da a razón a unha traballadora integrante das listas de vinculacións temporais do SERGAS á que se lle pospuxo (e reservou) o seu contrato de longa duración até o remate da súa baixa maternal. O tribunal demándalle ao SERGAS que recoñeza como tempo traballado, a efectos administrativos, o período de tempo durante o que a demandante estivo de baixa por maternidade que coincida, á súa vez, co período de tempo no que foi chamada das listas de vinculacións temporais.

Hai que subliñar que o feito de que a Administración non recoñeza ese período temporal como tempo traballado a efectos administrativos supón unha discriminación por razón de sexo derivada da maternidade, pois aclara a sentenza, "eliminada a situación de maternidade os servizos teríanse prestado, e polo tanto deben recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por encontrarse a traballadora nunha situación que está protexida por lei".

Pero ao mesmo tempo, supón unha discriminación pola súa condición de persoal temporal, xa que se fora traballadora fixa o tempo que permaneceu de baixa maternal valoraríaselle como servizos efectivamente prestados.

CIG-Saúde lembra que o pacto de vinculacións temporais recolle o dereito a que se lle oferten os contratos de longa duración a todas aquelas mulleres que se atopen en suspensión de chamamentos por razón de maternidade, e se lles reserve dito contrato até a súa incorporación efectiva. Isto, até o de agora, implicaba unha perda de servizos prestados e unha clara discriminación ás mulleres.

Dende a CIG-Saúde amosan a súa satisfacción por este paso adiante máis na igualdade e non discriminación da muller.

Volver