CIG-Saúde Pontevedra-O Salnés critica que se sigan precarizando as condicións de traballo do persoal do SERGAS

Demanda que se recuperen vacantes, especialmente nos servizos deficitarios
Pontevedra - 13 Feb 2024

A CIG-Saúde Pontevedra vén de denunciar “outra vez máis” a situación do persoal sanitario, que “leva encadeando contratos por días, semanas ou meses, a diferenza do que vende a propaganda do conselleiro de Sanidade, Comesaña, e do Presidente en funcións, Rueda”.

Desde a central nacionalista expoñen que “as prazas afectadas por estes contratos precarios nunca foron recoñecidas como estruturais”. Isto significa que ao non ser vacantes non poden ser ocupadas por persoal fixo que sacou praza nas oposicións. “Ao non estar dispoñibles estas prazas na nosa área, as persoas nesta situación víronse na obriga de coller a maleta a outras áreas sanitarias sen a posibilidade de volver porque estas prazas seguen sen estar creadas”, subliñan.

A CIG-Saúde sitúa a responsabilidade no xerente da Área, Flores, e na directora de RRHH, Sánchez, concelleira do PP en Vigo, porque “menten máis que falan. Primeiro comprométense coas traballadoras a reclamar todas aquelas prazas de quen tivo que coller praza fóra desta área e, ao mesmo tempo, amortizan prazas de distintas categorías para reconvertelas noutras distintas, mesmo amortizando prazas en servizos que xa eran deficitarios, deixando os servizos desmantelados e con graves problemas de cobertura”.

Por iso, desde o sindicato afirman que “xogan co persoal como se se tratase de fichas dun taboleiro, mentres tentan tapar a súa incompetencia para xestionar os recursos humanos da sanidade pública con propaganda”.

Sen previsións a curto

A CIG-Saúde lamenta que non haxa ningunha previsión “a curto, medio e longo prazo por parte da Xerencia que seica viña amañar os problemas. É curioso que a xerencia do Sr. Flores alegue descoñecemento destas situacións cando antes deste posto era xerente de todo o Sergas e foi parte da insuficiente inversión e planificación de prazas na sanidade pública por parte do goberno da Xunta do Partido Popular.”

Dende a CIG-Saúde demandan “que deixen de maltratar o persoal, que saquen as prazas para recuperar persoal e que as doten dunhas condicións estables freando a política de amortizacións e precariedade que leva ao sobre-esforzo e a saturación ao persoal da sanidade pública”.