CIG-Saúde reclama a devolución dos salarios roubados ao persoal do SERGAS

Denuncia a negativa da Xunta a negociar un calendario para a recuperación dos dereitos retributivos

Nacional -

A CIG-Saúde concentrouse este xoves diante do edificio da Consellaría de Sanidade para reclamar a devolución dos salarios arrebatados ao persoal do SERGAS desde o ano 2010. A mobilización insírese na campaña que o sindicato lanzou en maio para denunciar esta situación e demandar un calendario para a recuperación dos dereitos retributivos.

"Fronte á propaganda de Feixoo, devolvernos os nosos dereitos retributivos é a mellor maneira que a Xunta ten para recoñecer o traballo que o persoal da sanidade está a desenvolver durante a pandemia", aseverou a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Lembrou que unha das primeiras medidas ‘estrela’ que adoptou Feixó á súa chegada ao goberno, en 2010, foi a de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012.

Unha decisión que non atinxiu ao resto do persoal da Xunta de Galiza e que adiantou os recortes para este colectivo laboral aos establecidos na Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que, baixo a escusa da crise económica de 2008, se rebaixaron as condicións laborais e retributivas de todo o persoal dependente das administracións públicas.

Negativa sistemática da Xunta

Desde aquela, salienta Abuín, a CIG-Saúde vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos, especialmente tendo en conta que a Xunta promoveu acordos de mellora salarial para outros colectivos e recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. Porén, o goberno galego négase sistematicamente a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver os recortes salariais acumulados nese período ou incluso a establecer un calendario de recuperación que “estamos dispostos a pactar e que sexa en máis dun exercicio orzamentario”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde matiza que “o que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos levan roubado”. É dicir, os salarios que o persoal tiña que ter percibido e que permitirían que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso, asevera, “non só se afonda na fenda salarial entre as traballadoras e traballadores do SERGAS e o resto do persoal da administración pública galega, senón tamén respecto dos demais servizos de saúde do Estado".

E neste senso, explica que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero cunha maior exixencia no rango de titulación, hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. María Xosé Abuín exixiu tamén que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos que ten cada colectivo para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo.

Reunión coa Valedora do Pobo

No marco desta campaña, a Federación de Saúde da CIG tamén se reuniu este mécores coa Valedora do Pobo para demandarlle a súa intervención ante o goberno galego e ten previsto solicitar reunións cos diferentes grupos parlamentarios para trasladarlle as demandas da central sindical e a situación do persoal do SERGAS.

Volver