CIG-Saúde reclama a Feixó que explique o que é para el converter Galiza en “hospital único”

Pregúntase se os cartos reverterán en reforzar a sanidade pública ou irán beneficiar a privada

Nacional -

O Presidente da Xunta presentaba este xoves un plan para solucionar o problema das listas de agarda, nas que están máis de 230.000 doentes. A idea é implantar un modelo de “hospital único” derivando ás/aos doentes a calquera centro hospitalario de Galiza se non pode ter atención no seu centro de referencia. Diante desta proposta, a CIG-Saúde demanda aclaracións respecto do destino dos 15 millóns de euros de orzamento previsto para facerlle fronte a este plan, os recursos humanos e os medios para garantir a equidade da poboación independentemente de onde vivan.

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, é esencial saber se os cartos destinados a afrontar este plan irán dirixidos a recuperar e reforzar a sanidade pública ou se destinarán a beneficiar a sanidade privada. Neste sentido Abuín lembra que “coa Lei de Garantías o PP equiparou a prestación sanitaria no sistema público e no privado” e que coa Lei de Saúde “desapareceron prestacións” nos hospitais comarcais e áreas sanitarias.

Denuncia que esa perda de prestacións afectou principalmente a zonas de máis illamento, con máis dificultades de comunicacións e nas que viven persoas de máis idade. Por iso considera que se isto xa rachaba coa equidade no acceso universal á sanidade pública, agora a situación será peor porque estas persoas vanse ter que trasladar a outros centros hospitalarios de calquera área sanitaria de Galiza, se non hai dispoñibilidade nos seus centros de referencia. “Isto teno que aclarar, porque as e os doentes teñen que saber como se vai facilitar ese posible traslado para garantir o seu acceso á prestación sanitaria”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra ademais a Feixó que a Valedora do Pobo xa manifestou o seu rexeitamento a que se penalizara a doentes que rexeitaban a atención na sanidade privada ou nun centro fóra do seu contorno e que o Parlamento modificou este artigo da Lei de Garantías para evitar esta discriminación. Por iso Abuín exixe “saber se Feixó vai respectar a opinión da Valedora e como lle vai garantir a estas persoas a prestación no seu contorno”.

Ademais, a CIG-Saúde considera que un plan destas características debería deseñarse contando, necesariamente, cos/coas profesionais e ten que levar aparellado un Plan de Recursos Humanos no que figure o número de profesionais necesarias para facerlle fronte a este incremento de actividade na sanidade pública, porque este traballo extra virá sumarse á actividade programada.

Volver