CIG-Saúde reclama, ás portas de Sanidade, os salarios roubados ao persoal do SERGAS

Demanda que se adapten os niveis retributivos a titulación e prestación de servizo

Nacional -

Delegadas e delegados da CIG-Saúde concentráronse esta mañá diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para reclamar a devolución dos salarios arrebatados ao persoal do SERGAS desde o ano 2010. A mobilización insírese na campaña que lanzou en maio o sindicato para denunciar esta situación e demandar un calendario para a recuperación dos dereitos retributivos.

Así o explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, no decurso da concentración. “Unha das primeiras medidas ‘estrela’ que adoptou Feixó á súa chegada ao goberno, en 2010, foi a de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012 do persoal do SERGAS”.

Unha decisión que “non atinxiu ao resto do persoal da administración pública” e que “non estaba condicionada aínda pola crise económica”, porque foi adoptada antes de que se aprobara a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, e que foi promulgada en 2012.

Agravio comparativo

Para a secretaria nacional da CIG-Saúde manter esta conxelación salarial é un agravio comparativo porque a Xunta de Galiza si promoveu acordos de mellora salarial para outros colectivos da administración e mesmo recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza. “Non só se afonda así a fenda salarial entre as traballadoras e traballadores do SERGAS e o resto do persoal da administración pública galega, senón tamén respecto dos demais servizos de saúde do Estado”, denunciou.

Abuín denuncia a reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolverlles os recortes salariais acumulados nese período ou mesmo a establecer un calendario de recuperación, como si se fixo noutras mesas de negociación. Isto aboca ás traballadoras e traballadores da sanidade pública galega a continuar “á cola dos servizos de saúde do Estado e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública”.

 

Entre 200 e 400 € ao mes menos

Isto tradúcese, segundo Abuín, en que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación, hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano entre 200 e 400 euros”. Diferenza que, segundo afirmou, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galiza.

Establecemento dun calendario de recuperación

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde non é de recibo que coa pandemia “Feixó presumira do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e fixera promoción política e persoal con isto mentres mantén os recortes”. Por iso demandou “menos propaganda e máis avanzar no calendario de recuperación” que, aclarou “estamos dispostos a pactar que sexa en máis dun exercicio orzamentario”.

Niveis retributivos

Abuín demandou ademais que se muden os niveis retributivos que ten cada colectivo. Entende que non ten xustificación algunha que un administrativo da Xunta de Galiza, para o que o requisito de titulación é o bacharelato, poida ter un nivel de entre o 18 e o 25 cando un médico ou médica, que ten un requisito de titulación de medicina e un MIR, teña un nivel 24.

A CIG-Saúde leva anos reclamando esta modificación dos niveis para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo porque son polos que se regulan as retribucións que se perciben e demandou que “de inmediato o persoal médico pase a ter nivel 26 e que se senten dunha vez a facer unha readaptación en función dos requisitos de titulación e a prestación de servizo para que teñan a clasificación que corresponde”.

Volver