CIG-Saúde reclama de Sanidade medidas concretas para resolver a problemática de Atención Primaria

Demanda que se recoñeza ás/aos profesionais do SERGAS tamén como expertos

Nacional -

A CIG-Saúde considera que o SERGAS non está a valorar ás/aos máis de 250 profesionais da sanidade pública galega que están a traballar nas distintas comisións creadas desde o Consello Técnico de Atención Primaria, que están a pór, de forma desinteresada, o seu tempo e coñecemento, ao servizo da sanidade pública. Persoal que ten como único obxectivo acadar un novo modelo de Atención Primaria que dea resposta ás necesidades de saúde da poboación galega e remate coa situación laboral que soportan.

E o considera así ante as presas de Sanidade en publicar o traballo encomendado ao -denominado pola consellaría- “Grupo de Expertos en Atención Primaria”, “como se as/os profesionais da sanidade pública non merecesen ser cualificados como expertos e expertas, con maiúsculas”, denuncia a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

A CIG-Saúde lembra que o grupo de expertos creouse por acordo entre a Consellaría, os Colexios Profesionais e as sociedades científicas e reclama que “estes amosen o mesmo respecto e interese polo traballo que están a facer os expertos da sanidade pública nas comisión de traballo”.

No referente ás conclusións do “Grupo de expertos en Atención Primaria”, Abuín subliña que “se a Consellería de Sanidade escoitara máis non necesitaría grupos de expertos”.

De feito lembra cales foron as propostas que desde hai anos vén defendendo a CIG-Saúde sobre as diferentes cuestións abordadas polo Grupo de Expertos:

O GRUPO DE EXPERTOS

Denuncias CIG-SAÚDE

A primaria ten pouca autonomía de xestión.

O modelo organizativo das EOXIs acabou coa capacidade de decisión da atención primaria.

Xestionar a relación co hospital.

A atención primaria ten que deixar de ser a subordinada da atención hospitalaria.

Unha dirección executiva con orzamento propio.

Creación da xerencia de atención primaria, para que esta poida desenvolver a súa capacidade asistencial, con orzamento propio.

Ampliar o traballo en equipo. O traballo en equipo sempre funciona.

Desenvolver a carteira de servizos de todos os colectivos, recuperar o traballo en equipo e incorporar as categorías profesionais que faltan.

Cubrir máis do 100% das prazas.

Eliminar a taxa de reposición, cobertura do 100% das prazas. Negociar na mesa sectorial un plano de Ordenación de RRHH para identificar as necesidades e por solucións.

 

“Algunhas das conclusións que se recollen no traballo do grupo de expertos son as mesmas que, dende o ano 2010, vimos denunciando desde a CIG-SAÚDE e desde outras organizacións”, indica a secretaria nacional de CIG-Saúde.

A eliminación dos PACs, un paso atrás

Hai outras conclusións, como a eliminación dos Puntos de Atención Continuada (PACs), que “cuestionan o modelo de Atención Primaria que defendemos”, denuncia Abuín, para quen “suporían un importante paso atrás tanto para as e os profesionais como para o servizo que se presta á cidadanía”.

A este respecto lembra que desde a CIG-Saúde vense denunciando o desmantelamento da atención primaria, a falta de orzamento, a súa subordinación aos obxectivos hospitalarios e o que ao seu entender é o mais grave, “a eliminación de postos de traballo coa amortización de prazas nos últimos anos”.

Previsión de xubilacións

A CIG-Saúde tamén vén alertando de que no ano 2020 se van producir un número importante de xubilacións de persoal facultativo, das/os que na actualidade están a prorrogar a súa vida laboral e que no próximo ano cumpriran 70 anos. “Disto ninguén fala” di Abuín quen engade que “pensan que ocultando o dato vaise solucionar por si só”.

Demandas concretas da CIG-Saúde

Para a CIG-Saúde, se a Consellería de Sanidade, quere demostrar que aposta pola Atención Primaria, ten que:

  • Modificar os orzamentos presentados e incrementar a cantidade dedicada á Atención Primaria para dar cumprimento ás propostas dos grupos de traballo.
  • Modificar o Decreto que regula as Areas Sanitarias e os Distritos Sanitarios para crear unha verdadeira estrutura de xestión da Atención Primaria.
  • Negociar un verdadeiro plano de Ordenación de RRHH que dea resposta ás necesidades actuais e futuras de todas as categorías da nosa Atención Primaria.
  • Crear prazas novas nos Centros de Saúde que viven situacións máis críticas, en cantidade suficiente para que repercuta no tempo da atención e na calidade asistencial.

Ademais, a secretaria nacional advirte que se a Consellería de Sanidade non toma estas medidas de xeito inmediato, “CIG-Saúde continuará denunciando a situación e presionando para que o faga”.

 

Volver