CIG-Saúde reclama un Plan de recuperación da Atención Primaria con medios materiais e humanos

A responsabilidade de solucionar as demoras e a presencialidade é do SERGAS, non das profesionais

Nacional -

O sistema retributivo das profesionais da Atención Primaria contempla que unha parte do salario ten carácter variable (Complemento de Produtividade Variable), e está ligado á consecución duns obxectivos recollidos nos chamados Acordos de Xestión (ADX). Así o explica CIG-Saúde, que afirma que “non existen gratificacións nin penalizacións, existe unha parte do salario que se cobra na súa totalidade, ou non, en función do cumprimento dos obxectivos establecidos no ADX”.

Neste sentido, subliña que, co paso do tempo, os chamados Acordos de Xestión “non son acordos nin de xestión, non se negocian e acordan coas traballadoras dos centros nin favorecen unha xestión máis eficiente”.

Asegura que a situación da Atención Primaria xa é coñecida desde hai anos: déficit de profesionais, de recursos e deterioro da súa capacidade resolutiva. Unha situación de precariedade que foi superada, durante a pandemia de COVID-19 co esforzo, compromiso e profesionalidade da inmensa maioría das profesionais da Atención Primaria, o que permitiu e segue a permitir o control e seguimento de casos posibles e confirmados nos domicilios, facendo seguimento e diagnóstico precoz dos casos positivos e das descompensacións que precisan inmediato ingreso hospitalario.

Controlar a demanda presencial aos Centros de Saúde foi unha resposta necesaria fronte á pandemia, pero tamén unha consecuencia da precariedade de recursos humanos e estruturais.

Por iso asegura que “a falta de presencialidade non se soluciona impoñendo porcentaxes”. Entende que para facelo “hai que desenvolver plans de recuperación da actividade presencial, con axendas reais, non infinitas ou imprevisibles, que poidan ser atendidas por profesionais co tempo necesario para facelo, e os recursos e a capacidade de resolución necesaria para resolver a inmensa maioría dos problemas das persoas que acoden ás consultas”.

Listas de agarda

Canto ás listas de agarda en Atención Primaria para consulta presencial ou telefónica, a CIG-Saúde é taxativa. “Non son vontade das profesionais, son, máis ben, consecuencia do incremento de actividade relacionada coa pandemia e da falta de recursos. Os Centros de saúde non están pechados, cos profesionais dentro sen facer nada”.

Denuncia que as axendas están cheas de actividade, mais explica que esta actividade “non é a resposta directa á demanda das pacientes, é a resposta necesaria para o control da pandemia feita por profesionais saturadas, traballando en condicións de incerteza xerada pola presión asistencial, a propia consulta telefónica e a evolución da pandemia”.

As listas de agarda tamén son “consecuencia directa da política de xestión de recursos humanos da Consellería de Sanidade”, asegura. E subliña que “precarizando as condicións de traballo na Atención Primaria conseguiron que marchen profesionais de medicina de familia, pediatría e enfermería e que non contemos nin co recambio necesario para cubrir as necesidades xeradas polas inminentes xubilacións”.

Das substitucións das profesionais ausentes por motivos varios “xa nin falamos, a cidadanía asume con normalidade que a ausencia do seu profesional de referencia queda sen cubrir e ten que ir de profesional en profesional para intentar solucionar o seu problema”, din.

Que, nesta situación, a Consellería de Sanidade pretenda recortar unha parte do salario ás profesionais, “que tamén a están a sufrir e padecer, non deixa de ser máis que unha dobre vitimización”, denuncia.

En todo caso advirte de que a reclamación de que os Centros de Saúde desenvolvan a súa actividade sen demoras e coas consultas presenciais necesarias, “non se resolve presentando á opinión pública obxectivos irreais recollidos nos ADX que non contribúen a resolver o problema”.

Por iso, a CIG-Saúde conclúe que “se realmente o quixeran resolver estarían poñendo en marcha un plan de recuperación da Atención Primaria, ligado á implantación de carteiras de servizos das profesionais e plans de ordenación de recursos humanos para dar resposta as necesidade xeradas por esas carteiras de servizos. Así si. Así poderíamos recuperar a Atención Primaria que queremos, que non era a de antes da pandemia. Terá que ser unha nova Atención Primaria que dea resposta ás necesidades da cidadanía e ás demandas das profesionais”.

Volver