CIG-Saúde rexeita o Plan de Cirurxías Menores en Atención Primaria por improvisado e irrespectuoso

Considera que amosa o “descoñecemento” da Xunta de Galiza e denuncia que non foi comunicado nin ao persoal, nin ás organización sindicais da Mesa Sectorial
Nacional - 23 Abr 2025

Co anuncio da posta en marcha do Plan de Cirurxía Menor en Atención Primaria “a Xunta dá unha nova mostra de improvisación, anunciando un Plan que inclúe a compra de material por un valor de 1,7 millóns de euros, cando na realidade as profesionais que terían que usar ese material non teñen espazo nas axendas, nin tempo material para facelo”.

Así o denuncia a CIG-Saúde que engade que a Xunta tamén demostra así o seu “descoñecemento” da realidade da Atención Primaria xa que “a Cirurxía Menor forma parte da súa carteira de servizos desde hai moitos anos”.

A este respecto, o secretario nacional, Manuel G. Moreira, explica que “se non se realiza nos Centros de Saúde de maneira xeneralizada é porque precisa material axeitado, que foi reclamado por moitos centros de saúde nos seus plans de necesidades anuais e que nunca chegou, ou por non dispor nos centros de espazos axeitados para realizar esta  actividade”.

Con todo, Moreira considera que a causa fundamental que limita a súa extensión “é a limitación do tempo que dispoñen as profesionais nas súas axendas, que son imprevisibles diante da falta de profesionais nos centros”.

Unha falta de respecto

Pero o peor é, para a CIG-Saúde, a “falta de respecto á Atención Primaria”. O obxectivo do Plan non é, para Moreira, modificar a realidade actual da Atención Primaria con falta de profesionais e polo tanto falta de tempo, falta de recursos tecnolóxicos e falta de espazos axeitados para incorporar as técnicas que xa se deberían estar aplicando. “O obxectivo do Plan realmente é diminuír a lista de agarda da Atención Hospitalaria, facendo xogar á Atención Primaria un papel subsidiario da Atención Hospitalaria”.

A CIG-Saúde denuncia tamén que a posta en marcha deste plan non foi comunicado as persoas traballadoras nin á súa representación na Mesa Sectorial. “A presentación parece máis ben formar parte dunha campaña para facer crer que se fai sen modificar nada da difícil realidade da Atención Primaria”.