CIG-Saúde rexeita o último texto do Estatuto Marco tras a reunión coa ministra de Sanidade
A CIG-Saúde mantivo o 13 de xaneiro unha reunión coa ministra de Sanidade na que esta trasladou o seu rexeitamento a introducir modificacións substanciais no último texto do Estatuto Marco (EM). Tras máis de tres anos de negociacións, múltiples mesas de traballo e un importante esforzo por parte das organizacións sindicais, o texto presentado non cumpre cos obxectivos marcados pola CIG-Saúde.
No referente á xubilación, a central nacionalista defende que o Estatuto Marco debe recoñecer de maneira expresa o dereito á xubilación anticipada e parcial do persoal estatutario dos servizos de saúde. “Trátase dun sector altamente feminizado, con categorías profesionais que acumulan longas vidas laborais e que están expostas a importantes riscos laborais, como riscos biolóxicos, químicos ou radiacións ionizantes, entre outros. Porén, a ministra insiste en non asumir as súas competencias nesta materia, derivando a responsabilidade a outros ministerios”, critica a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón.
Clasificación sen impacto real nos solarios
En relación coa clasificación profesional, a CIG-Saúde valora positivamente o resultado da negociación no plano administrativo, pero rexeita de maneira rotunda que esta non vaia acompañada de melloras retributivas. Lestón subliña que o persoal dos servizos de saúde “leva anos mal clasificado, mesmo por debaixo do estabelecido no EBEP”, e considera que esta era unha oportunidade para corrixir esta situación de forma integral. “Non podemos aceptar unha clasificación correcta só no papel, sen impacto real nos salarios. Non imos seguir renunciando ao que é noso”, asevera.
Pola súa banda, a titular de Sanidade volveu propoñer adiar a cuestión das retribucións a un hipotético acordo futuro, que ademais debería ser ratificado polo Goberno español, sen datas nin garantías sobre a súa aplicación. Para a CIG-Saúde, esta proposta “é inaceptábel, xa que suporía un simple cambio de nomenclatura sen efectos reais para o persoal”.
Persoal de investigación e gardas localizadas
No caso do persoal de investigación, a central sindical presentou unha ampla batería de propostas que non foron recollidas no texto final. O obxectivo da organización é avanzar en dereitos e estabilidade para este colectivo, algo que tampouco se ve reflectido no actual Estatuto Marco.
Así mesmo, as gardas localizadas continúan sen ter impacto nin na xornada nin nos descansos do persoal, deixando esta cuestión para futuras negociacións nas Mesas Sectoriais, mais sen estipular criterios mínimos comúns.
“En definitiva, engade Lestón, segundo trasladou a ministra, a intención era que as organizacións sindicais apoiasen o texto do Estatuto Marco coa idea de que, dado o longo percorrido administrativo até a súa aprobación como lei, xa se irían pulindo determinados aspectos polo camiño”.
A CIG-Saúde rexeita esta estratexia e reitera a súa postura: firmeza na defensa dos dereitos das persoas traballadoras e negativa a avalar un Estatuto Marco que non recoñeza nin retribucións nin dereitos de xubilación.