CIG-Saúde solicita a retirada do título de Técnico en Coidados porque non recoñece o mapa de competencias

Demanda, en todo caso, a súa correcta cualificación profesional

Nacional -

A CIG-Saúde solicitou hoxe, na xuntanza do Consello Xeral da Formación profesional e ao Ministerio de Educación e Formación Profesional a retirada do título de Técnico en Coidados Sanitarios (TCAEs) por considerar que non recoñece o mapa de competencias que estas/es traballadoras/es desenvolven na súa actividade laboral. Demanda a súa correcta cualificación profesional e dimensionar de forma axeitada os módulos formativos, as unidades de competencia e o número de horas de formación.

Da documentación que vén presentando o Consello Xeral da Formación Profesional para a revisión da cualificación profesional, ou para a elaboración dos currículos formativos dos títulos da rama sanitaria, a CIG-Saúde vén detectando que hai unha fenda importante entre o mapa de competencias profesionais que cada colectivo desenvolve na súa actividade laboral e o seu currículo e clasificación profesional.

A Lei 55/2003,do 16 de decembro, do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde recolle na súa Disposición Transitoria sexta o seguinte:

  1. b) Manteranse vixente, en tanto non se proceda á súa regulación en cada servizo de saúde, as disposicións relativas ás categorías profesionais do persoal estatutario e as funcións das mesmas contidas nas normas previstas na Disposición Derrogatoria Única e), f) e g).

Ao non ter desenvolvido os servizos de saúde a devandita disposición transitoria sexta, en materia de funcións seguen vixentes as seguintes normas:

  1. f) O Estatuto do persoal sanitario non facultativo das Institucións Sanitarias da Seguridade Social aprobado pola Orde do 26 de abril de 1973, así como as disposicións que o modifican, complementan e desenvolven.

Se para a elaboración dos currículos e da clasificación profesional tense como referencia as funcións recollidas nestas Ordes dos anos 70, isto implica que as titulacións de formación profesional non dan unha resposta formativa adecuada ás funcións que os diferentes colectivos desenvolven na súa actividade profesional.

Desde CIG-SAÚDE propoñen, por iso, a creación dun grupo de traballo para a elaboración dun currículo profesional que recolla o mapa de competencias das/sos Técnicas/os en Coidados Sanitarios (TCAEs). Un mapa de competencias actualizado ás funcións que realizan na súa actividade laboral. Incluíndo dentro del as funcións que na actualidade teñen recoñecidas como propias da súa categoría e o resto de funcións que realizan por delegación doutros colectivos.

Volver