CIG-Servizos anuncia folga nas subcontratas de limpeza e conserxería do Concello de Santiago a partir do 8 de setembro

Compostela - 12 Xun 2025

A CIG-Servizos anunciou esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria dunha folga indefinida a partir do 8 de setembro nas subcontratas municipais de Serveo, encargada da conserxería e limpeza dos colexios públicos de Compostela, e Limpiezas Germania, que presta servizos na estación intermodal a través da empresa municipal Tussa. A rolda contou coa presenza de tres delegados de persoal de Serveo e un de Limpiezas Germania.

O motivo da folga é a persistente desigualdade salarial e de condicións laborais entre o persoal das contratas privadas e o propio do Concello. Segundo Rubén Sánchez, delegado de Serveo, “existe unha diferenza retributiva enorme que se arrastra desde hai anos”.

Esta disparidade levou a outros colectivos, como o das instalacións administrativas, a lograr, tras unha longa folga, un acordo de mellora que inclúe un complemento mensual duns 130 euros, o pagamento do 100% das prestacións por incapacidade temporal (IT) e sete días de asuntos propios. Un acordo que se estendeu a outras contratas, como as instalacións deportivas, pero segue sen aplicarse aos colexios e á estación de autobuses.

Desigualdade de categorías

Un problema específico é a desigualdade de categorías en Serveo. Segundo Sánchez, desde a privatización do servizo en 2008, as funcións dos antigos conserxes autónomos trasladáronse ao persoal actual, pero con categorías distintas (oficiais de segunda e ordenanzas), o que implica salarios diferentes para as mesmas tarefas. “É unha copia pega das funcións dos autónomos, pero con diferenzas salariais inxustas”, explicou Sánchez.

A CIG leva desde 2014 negociando sen obter respostas. Durante este período, pasaron polo goberno municipal o PSdeG, Compostela Aberta e o BNG, e aprobáronse en pleno propostas a favor da igualdade retributiva (“igual traballo, igual salario”), pero, segundo a CIG, “quedaron en eslóganes políticos sen aplicación real”. A central sindical esixe que o Concello, liderado polo BNG, atenda estas demandas e non repita actuacións como a imposición de servizos mínimos abusivos, como ocorreu inicialmente nas instalacións deportivas.

Paulo Rubido, representante da CIG-Servizos matizou que a folga se convoca con antelación suficiente para buscar unha solución negociada, considerando a sensibilidade dos servizos afectados. “Falamos de colexios con nenos pequenos e da estación de autobuses, unha porta de entrada a Compostela. Un conflito laboral non beneficia a imaxe da cidade”, afirmou. Ademais, indicou que urxe incluír estas melloras nos pregos da licitación pendente do contrato dos colexios, que acumula anos de atraso.

O representante da CIG-Servizos instou á alcaldesa e á corporación municipal a cumprir os acordos plenarios e a equiparar as condicións laborais. “Agardamos que o BNG actúe conforme á política que predica e non ignore as lexítimas reclamacións do cadro de persoal”, concluíu Sánchez, enfatizando que a folga podería evitarse cunha resolución favorable.