• Nova

CIG-Servizos anuncia unha loita prolongada pola dignidade das traballadoras das residencias da 3ª idade

Cualificaron de “migallas” o convenio asinado por CCOO, UGT e a patronal
Nacional - 04 Abr 2022

Delegadas do sector de residencias privadas da terceira idade e centros de día compareceron esta mañá en rolda de prensa para rexeitar o convenio colectivo que veñen de asinar CCOO, UGT e a patronal e anunciar o comezo dunha loita prolongada contra as empresas exixindo que se cumpra a lei. Isto ademais de reclamar da Xunta de Galiza e de Política Social, que se suban as ratios e a súa equiparación coas condicións de traballo das Residencias Públicas.

Adolfo Naya, responsable de Negociación Colectiva da federación de Servizos da CIG, lembrou a folga convocada no sector, que non se puido chegar a desenvolver por mor duns servizos mínimos “completamente abusivos”, concluíu coa sinatura do convenio colectivo por parte da patronal, CCOO e UGT.

Un convenio que cuestionou, en representación de todas as delegadas da CIG no sector, Beatriz Fernández, traballadora de residencias e membro do comité de folga, quen valorou que se “equivocaron” os sindicatos UGT e CCOO, a patronal e a Xunta de Galiza en considerar que esta folga “se trataba só dunha simple negociación colectiva que se podía amañar cunha esmola”.

Lonxe diso, afirmou que “esta folga foi o froito de anos e anos de explotación e humillación que sufrimos as traballadoras do sector de residencias, que despois de ver como eramos chamadas esenciais e recibir aplausos por toda a sociedade e onde o goberno da Xunta se lle enchía a boca de eloxios, volvemos ser esquecidas”.

Reclamación de “dignidade”

Fernández asegurou que as traballadoras de residencias “decidimos deixar de vivir axeonlladas e erguer a cabeza para reclamar dignidade”. Por iso ao chegar a mediación, o día 25 de marzo, despois de 7 días de folga, o que atoparon foi a “unha patronal miserable e mesquiña, que non estaba disposta a falar da saúde das traballadoras, porque falar de cobrar o 100% de incapacidade temporal e ‘tabú’, segundo eles, cando é un tema vital que debería estar por lei e ser obrigatorio, dado que traballan con persoas vulnerables e que calquera doenza que podan ter as traballadoras, vai repercutir directamente nos usuarios, dado que somos obrigadas a ir a traballar por non ter o 100% cuberto das baixas”.

Lembrou que as traballadoras reclamaban unha redución de xornada, para rebaixar a que cualificou como “brutal carga de traballo” que padecen. Por iso non dubidou en considera “arrogantes e miserables” aos representantes da patronal, por ofertar só a redución de 7 horas este ano e 7 o seguinte, “ríndose directamente na cara de todas as traballadoras”.

Migallas para completar as pagas

Con respecto á suba salarial, considerou “un insulto” ás traballadoras dar o 6,5 do IPC, que xa tiñan por convenio, o 1% para o seguinte ano, sen revisión salarial, e “unhas migalliñas para completar as pagas”.

Suba que, como dixo Beatriz Fernández, as levou a considerar que “esta patronal pensa que seguimos nos tempos da escravitude e que as traballadoras están dispostas a exercer o seu labor por un prato de comida”.

Ademais rexeitou as queixas da patronal de que “non lles chega” cando, lembrou, “estamos falando dun sector, con grandes multinacionais controladas por fondos de investimento e con millóns de euros de facturación”. Empresas que considerou que non poden vir con propostas que cualificou de “ruíns e miserentas”.

Do mesmo xeito rexeitou a actitude dos sindicatos asinantes que, ao seu entender, esqueceron que existe “a loita de clases”, e aos que cuestionou por aceptar as “esmolas que unha patronal podre lles dá”, o que asegurou que os fai “colaboradores directos da explotación das traballadoras”.

Cumprimento das ratios e equiparación coas residencias públicas

Explicou que por estas razóns as traballadoras da CIG decidiron, por unha banda, que este convenio non se podía asinar e, pola outra, que “renderse non é a solución e que toca seguir loitando”.

Por iso anunciaron que comezarán unha loita prolongada contra as empresas esixindo que se cumpra a lei, mais tamén reclamando á Xunta de Galiza “e a súa maior responsable, a Conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, que suba as ratios” e, que se lles equipare coas condicións de traballo das Residencias Públicas, cumprindo a normativa “para non deixar morrer persoas maiores por non ter nin sequera un médico ou unha enfermeira, como sucedeu na Residencia “Concepción Arenal” da Coruña, propiedade da Xunta e xestionada por Domus VI”, denunciou.

Denuncia á que engadiu a da Xunta de Galiza, como “responsable directa das condicións de precariedade e explotación que sufrimos as traballadoras nas residencias e centros de dia e que iso afecta directamente aos nosos maiores”.

Beatriz Fernández concluíu lembrando que “dignidade era o que se pedía e dignidade” e que por iso a seguirán reclamando, porque “a dignidade non se vende, nin se rende”, dixo.