O pasado 10 de xullo, a empresa Brócoli SL, concesionaria do servizo de limpeza do Lote 3 da UVigo (Campus Lagoa-Marcosende) despediu tres persoas alegando causas organizativas e económicas. Para a CIG-Servizos, esta decisión agrava os reiterados incumprimentos que a empresa está realizando dende que se fixo cargo deste servizo en agosto de 2025 con continuas modificacións substancias das condicións laborais, persecucións, acoso e presións sobre o cadro de persoal.
En resposta a esta decisión empresarial, a central sindical ten convocada unha asemblea de persoal para o vindeiro luns, 20 de xullo, e unha concentración posterior, a partir das 11:30 horas, diante da Reitoría da UVigo (Edificio Exeria) para reclamar a readmisión das persoas traballadoras despedidas.
Segundo a empresa, as causas do despedimento veñen motivadas por unha resolución da Reitoría relativa á liquidación económica, determinación do cumprimento prestacional e minoración da facturación por incumprimento da xornada horaria mínima do Lote 3. Este lote inclúe o Edificio Fundición, a Escola de Enxeñeira de Telecomunicacións, a Escola de Enxeñeira de Minas e a Escola de Enxeñeira Industrial, e no mesmo traballan un total de 23 persoas con antigüidades que van dende os dous até os seis anos.
Tras producírense os despedimentos, a CIG-Servizos e a representación sindical mantiveron este venres, 17 de xullo, unha xuntanza coa reitora, a xerencia e o vicerreitor económico da UVigo “para trasladarlle a preocupación por esta medida e informar á nova equipa dos posíbeis incumprimentos dos pregos administrativos por parte do Brócoli SL, en diferentes cuestións relacionadas co servizo de limpeza, e dos indicios de irregularidades que temos detectado”.
Múltiples irregularidades na prestación do servizo
A CIG-Servizos explica que estas irregularidades, que serán postas tamén en coñecemento da Inspección de Traballo, atinxen dende o incumprimento da normativa de prevención de riscos laborais, infracotizacións, non recoñecemento de categorías profesionais de especialistas estabelecidas no convenio colectivo de Limpeza de Edificios e Locais da UVigo, até recortes nos produtos de limpeza, incumprimentos das frecuencias de limpeza segundo o prego administrativo, ameazas e persecucións as traballadoras e traballadores.
Incluso, advirte a CIG-Servizos, se teñen detectado irregularidades nas fichaxes “coa inserción por parte de Brocoli SL de persoal externo ao persoal subrogado que realiza fichaxes, pero que logo abandona os centros sen realizar os traballos de limpeza pertinentes”.
A representación social fai unha valoración positiva da xuntanza mantida este venres coa equipa reitoral, “que se amosou plenamente consciente das deficiencias no servizo, manifestou a súa preocupación polos despedimentos e comprometeuse a intervir coa empresa concesionaria para resolver a situación”. Pola súa parte, a CIG instou a universidade a actuar ante os posíbeis incumprimentos da empresa, realizar unha fiscalización rigorosa das xornadas laborais e dos tempos de traballo, así como “a poñer fin á situación actual xa que a UVigo é a responsábel deste servizo que teñen privatizado”.