• Nova

CIG-Servizos convoca manifestación o 8 de maio pola dignificación das condicións laborais no SAF

Denuncia que a gran maioría das empresas non están pagando a suba do IPC de 2021
Nacional - 02 Mai 2022

A CIG-Servizos vén de anunciar, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro domingo día 8 de maio, que sairá da Alameda compostelá ás 11:30 horas, para rematar na Praza de Praterías. A mobilización ten como obxectivo denunciar a precariedade das traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) de Galiza, reclamar que se lles aplique o incremento salarial do 6,5% que se corresponde co IPC de 2021, e demandar un convenio que permita dignificar as súas condicións laborais.

A manifestación insírese na campaña de mobilizacións que está desenvolvendo a CIG-Servizos no sector e que comezou a semana pasada en Vigo. Unha campaña na que, segundo informou a  secretaria nacional, Transi Fernández, tamén están previstas concentracións ao longo de toda a semana.

CONCENTRACIÓNS

- 3 de maio:  Vigo, diante de Servisar ás 12:00 horas.

- 4 de maio:  A Coruña, diante de Ingresan, ás 11:00 horas.

                        Ourense, diante de Samaín, ás 11:30 horas.

- 5 de maio:  Lugo, diante do concello, ás 11:30 horas.

                        Ferrol, diante de Clece, ás 14:45 horas.

- 6 de maio: Pontevedra, diante de Idades, ás 11:30 horas.

En Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres. Porén, só 4 actualizaron os salarios ao IPC real co que rematou o ano 2021 malia estar así contemplado no convenio. “O resto ou non pagou ou está aboando a metade, 3,1%, 3,2%”, denunciou Fernández, quen considerou que “é absolutamente insuficiente”.

Por iso a CIG-Servizos comunicou á patronal que “non nos iamos sentar a negociar o convenio mentres non abonaran o 6,5% de incremento”, entendendo que “se non son capaces de cumprir o convenio anterior, mal van cumprir o novo que se poida empezar a negociar”.

Neste sentido, Fernández lembrou que o convenio leva sen negociarse desde 2011 e explicou que a patronal, no ano 2012, se disolveu “e o que fixo foi rexeitar o convenio galego para intentar que tiveramos o convenio estatal, que daquela era bastante peor que o galego”.

Diante desta circunstancia a CIG continuou reclamando o convenio galego e mesmo presentando demandas, que gañou, para que se mantivera. “A xustiza deunos a razón e seguiu existindo até a data de hoxe, pero sen ter asociación empresarial”. Porén, esta asociación galega volveuse asociar no último mes, “non porque tiveran ganas de negociar o convenio, senón porque tiñan que pagar ese 6,5% de incremento salarial en 2022 pola suba do IPC real do ano pasado”.

Precariedade laboral

A secretaria nacional de CIG-Servizos denunciou ademais a precariedade laboral que sofren as traballadoras de SAF, con contratos a tempo parcial e, dependendo de cada concello, cuns ou outros prezos das concesións.

Transi Fernández considerou que no convenio ten que se garantir que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos, para evitar “esa piratería que existe agora de ir moitas veces a concursar por 12€/hora”. A este respecto lembrou que nun concello vén de se sacar recentemente un concurso onde unha das empresas concursou por 12€/hora, o que, denunciou, “vai non xa en detrimento das traballadoras senón en detrimento do convenio colectivo”.

A CIG-Servizos defende tamén unha redución de xornada semanal a 35 horas porque “favorecería que estas compañeiras puideran ter unha xubilación digna e unhas condicións salariais moitísimo mellores que as que teñen agora”.

Ademais reclama que se regule todo o que ten a ver coa contratación e que se computen como tempo traballado os quilómetros que fan as traballadoras para ir aos domicilio. Neste sentido Fernández explicou que “como non teñen unha empresa onde estar, porque os centros de  traballo son domicilios privados, esa quilometraxe ten que se comezar a contar desde que saen do seu propio domicilio como horas de traballo”. Isto favorecería que tiveran máis horas, como aumento de xornada, e que se lles aboara tamén a quilometraxe.

A CIG-Servizos demanda ademais melloras sociais, das que carecen no convenio colectivo, sobre todo en cuestión de licencias e de melloras sociais.

Diante desta situación, Transi Fernández fixo un chamamento a todas as traballadoras a sumarse á manifestación convocada pola CIG-Servizos para o vindeiro domingo, máis tamén a todo tipo de colectivos e á sociedade en xeral, para que se reclame a dignificación das condicións laborais das miles de traballadoras que foron consideradas esenciais durante a pandemia, pero que seguen confinadas na precariedade. Como denunciou a secretaria nacional, “esenciais para a sociedade, pero non para que as emprersas lles recoñezan os seus dereitos”.