CIG-Servizos de Compostela denuncia o acoso laboral que padece o persoal da Perfumería Neobel

As traballadoras teñen que pedir permiso para ir ao baño e son acompañadas pola encargada
Compostela - 13 Set 2019

A CIG-Servizos de Compostela concentrouse esta mañá diante da perfumería Neobel, da empresa Perfumistas de Galicia de Hermanos Alberto Recio, para denunciar a situación de acoso laboral que están sufrindo as traballadoras e traballadores do centro por parte do Xerente e da Encargada da tenda.

Segundo explicou Carminha Naveiro, da CIG-Servizos, esta situación de acoso xa provocou que actualmente haxa 4 traballadoras de baixa aínda que, matiza, chegou a haber 5 e mesmo que unha traballadora se vira obrigada a deixar o traballo –por mor desta situación- porque a empresa, malia ser coñecedora do que estaba ocorrendo, non fixo absolutamente nada para evitar o acoso que padecía.

Naveiro denuncia que, entre outras cuestións, “as traballadoras e traballadores son obxecto de gritos, insultos, actitudes que atentan contra a súa dignidade persoal e profesional e mesmo que teñen que pedir permiso á encargada, que as acompaña e controla o tempo que lles leva facer as súas necesidades fisiolóxicas, cando teñen que ir o baño”.

Ademais denuncian presións e coaccións para deixar a redución de xornada por coidado de fillo/a para que regresen á xornada completa, cando este é un dereito legalmente recoñecido. Por iso, coa concentración desta mañá, inician un calendario de mobilización en demanda de que se adopten medidas inmediatas para que cese esta situación.