CIG-Servizos de Ferrol denuncia os abusos ao alumnado das academias ‘Olympia-Suso Añón’

Rexeita o modelo de explotación que practican como modo de ensino

Ferrol -

CIG-Servizos de Ferrol denuncia os “abusos”  cometidos polas academias “Olympia – Suso Añón”, centro de formación de perruquería e estética da comarca que cobra ao alumnado so pretexto de que aprenda un oficio cando, en realidade, “están exercendo como perruqueiras/os e esteticistas a todos os efectos, pagando por traballar e enriquecendo a unha empresa á que ben pouco lle importa a formación”.

CIG-Servizos asegura que as/os alumnas/os non reciben as clases contratadas, nin se lles fan os exames teóricos estipulados no plan de estudos. “O único baremo que utilizan para avaliar é o resultado da facturación de cada alumna/o, canto máis caixa fagas, mellor nota sacas e mellor lle caes ó patrón”.

Para cursar esa suposta formación o alumnado asina un contrato privado, no cal se especifican todas as condicións dos “cursos”: o alumnado ten 15 días de vacacións anuais, que serven para compensar calquera falta de asistencia polo motivo que sexa -mesmo motivos médicos xustificados- co cal a gran maioría das/dos alumnas/os rematan o curso debendo días de traballo á academia. Se este é o caso vense obrigadas/os a abonar un mes máis de formación (nalgúns casos até 2) para completar os días de prestación de servizos e poder obter a titulación, todo por unha “formación” de calidade.

Cota mensual de 150 euros

A cota mensual dos cursos é de 150 euros. No primeiro ano existe unha “bolsa” que rebaixa a cantidade en 40 euros, quedando nun total de 110 euros ó mes. A bolsa do segundo ano acada os 150 euros, co cal non habería que pagar mensualidade algunha. En ambos os cursos se exceden as dúas faltas de asistencia ó mes, perden a beca e teñen que pagar o mes enteiro.

A todo isto hai que engadir os gastos do material inicial (250 euros), matrícula (100 euros por curso), e mesmo 100 euros máis para a expedición da certificación final. Isto ademáis de materiais diversos que poden ir facendo falla ao longo do curso, e dos cales nin sequera se especifica cantidade nin importe.

Trato humillante

A CIG-Servizos de Ferrol denuncia ademais o trato infrahumano ao que se ve sometido o alumnado, “con humillacións diante da clientela, e impoñendo castigos arbitrarios a determinadas persoas que non son do agrado das/dos formadoras/es, castigos que pasan por ter alumnas/os condenadas/os a xornadas inacabables no lava cabezas, ou sen descanso no medio da xornada, aumentando aínda máis a facturación en favor da academia de ensino”.

A federación considera que “non se pode tolerar a existencia dunha mercantil que abuse e perverta a palabra formación co obxectivo de maximizar beneficios e ser unha enorme competencia desleal para os demais centros de perruquería e estética ao uso, que teñen regras de xogo completamente diferentes, tendo que pagar o salario do seu persoal, en lugar de que o seu persoal lle pague a elas/es”.

Denuncia ademais que con este ensino baseado na explotación as novas xeracións de profesionais do sector comezan unha prometedora carreira no mercado laboral aprendendo de primeira man as bases das relacións laborais do século XXI: “abuso, precariedade e explotación”.

Volver