• Nova

CIG-Servizos vixía de perto o ERE no Grupo Segur e as súas repercusións na Galiza

A central ofrecerá información e asesoramento ao cadro de persoal, denunciando que foi excluída das mesas de negocación do ERE
Nacional - 01 Dec 2016

Desde a federación de servizos da CIG dan inicio a unha campaña de información e asesoramento ao persoal que o Grupo Segur ten na Galiza ante o inicio do expediente de regulación de emprego, que afecta ás filiais Segur Ibérica, Consorcio de Servicios, Segur Fuego e EAS.

Denuncian, asemade, que na mesa de negociación constituída o pasado día 28 as restantes centrais decidiron excluír a central nacionalista, algo que estudan recorrer mediante a impugnación da mesma.

Desa reunión, indican que transcendeu que se ben a empresa está a abandonar servizos (a maioría deficitarios) mediante subrogación do artigo 14 do convenio, o certo é que a maioría efectuaranse mediante reducións, por tanto, con persoal que entrará no ERE.

Tamén que haberá importantes consecuencias para o persoal de estrutura en base á pretensión de pechar delegacións ou reducilas á mínima expresión, o cal dará lugar a despedimentos.

Indican, asemade, que á solicitude voluntaria para acollerse ao concurso de acreedores, a empresa vencella a oferta de venda de unidades produtivas (servizos), “debendo subrogarse os compradores aos contratos existentes neses servizos”.

Proceso Concursal

Os concursos, que pretenden solucionar os problemas de liquidez das empresas, posibilitan a realización de propostas de pagamento a acreedores cunha quita de até o 50%, aprazando tamén as débedas sen xuros nun período de até 5 anos.

O efecto máis preocupante disto é que permite destinar novos recursos obtidos pola empresa á continuidade da actividade e non a satisfacer a débeda xerada até a declaración do concurso, e que denuncian que podería abaratar o despedimento dos e das afectados/as.

Repercusións na Galiza

Desde a CIG-Servizos aseguran que van vixiar moi de perto todo o proceso en base á implantación do grupo en Galiza. De feito, aseguran que este 1 de decembro os servizos asignados ao Grupo Tojeiro pasarán á empresa Prosetecnisa cunha importante redución, xa que se subrogan 60 traballadores/as dun total de 72 xornadas.

No tocante a Lidl, será Prosegur quen asuma agora a prestación do servizo, e tamén hai constancia de que será tamén outra empresa a que se ocupe agora da Fundación Barrié. Existe a posibilidade, segundo a federación, de que moitos dos traballadores/as que non pasen subrogados poidan integrar a lista de afectados/as polo ERE.

Por todo isto, conminan ao persoal do Grupo Segur a acudir ás e aos representantes da CIG para obter información e asesoramento, xa que haberá unha ampla diversidade de casos.