CIG-TIC aposta por un convenio galego diante da parálise e as propostas do convenio estatal

Reuníronse con representantes do BNG no Parlamento galego e no Congreso
Nacional - 04 Mai 2022

Este martes, día 3 de maio, a CIG-TIC reuniuse cos deputados do Parlamento de Galiza do BNG, Mon Fernández e Daniel Pérez, así como co deputado no Congreso, Néstor Rego, para dar comezo aos encontros informativos que vai manter cos grupos parlamentarios coa fin de darlles a coñecer o actual estado da negociación do XVIII Convenio colectivo estatal de empresas de consultoría e estudos de mercado e da opinión pública, do que a CIG forma parte como sindicato máis representativo do sector.

Ante a suspensión da negociación do convenio de consultorías estatal debido ao aprazamento da comparecencia por parte da patronal da reunión que se tiña fixada para este pasado mércores 27 de abril, a CIG-TIC considera que os poderes políticos, deben ter moi en conta un sector que na Galiza emprega a máis de 20.000 persoas directamente, que crea emprego neste contexto de crise cuns números por riba da media dos demais sectores produtivos.

Propostas de aumentar a 12 horas a xornada laboral

Ante un convenio colectivo que non é satisfactorio para a clase traballadora e unha negociación parada pola patronal, con propostas como aumentar ás 12 horas a xornada laboral, sen subas salariais cun IPC historicamente alto, sen compensación para os gastos de teletraballo, que legalmente deberían satisfacerse polas empresas e tamén coa proposta de eliminación do complemento de antigüidade, a AEC, presidida pola ex-ministra do PSOE, Elena Salgado, négase a asistir á mesa negociadora cos sindicatos presentes, sacando notas de prensa e informando posteriormente á parte social.

O responsable nacional das TIC na CIG, Alexandre Espinosa, declarou que “isto refórzanos na busca dun convenio TIC galego que foi o que lle presentamos basicamente ao grupo parlamentar e presentaremos aos restantes grupos políticos no Hórreo: a nosa proposta dun convenio TIC galego que inclúa as TIC de verdade, non só ás empresas de Consultaría, senón a todas as TIC, para eliminar o actual marco lexislativo heteroxéneo e clarificalo. Cremos que é bo a clase traballadora galega e para as empresas deste País”.