CIG-TIC critica a actitude dos sindicatos estatais na mesa de negociación do convenio de Consultorías

Pactaron unha plataforma conxunta que só lle trasladaron á patronal
Nacional - 10 Dec 2021

O sector TIC da CIG critica a actitude que manteñen os outros dous sindicatos con representación na mesa de negociación do convenio colectivo estatal de Empresas de Consultoría e Estudos de Mercado e da Opinión Pública, que veñen de pactar unha plataforma conxunta que só lle trasladaron á patronal, “negándolle o dereito á información ao sindicato maioritario no sector en Galiza”.

Dende a CIG-TIC sinalan que participan mesa negociadora do convenio dende o 27 de novembro de 2019 por ser este o convenio colectivo sectorial de aplicación na maioría das empresas. “Isto a pesar de que sempre apostamos por un Marco Galego de Relacións Laborais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo”. 

Os sindicatos españois negan o dereito á información da central maioritaria no sector en Galiza

Aposta na que se reafirman aínda máis cando se producen feitos como o que está a acontecer na mesa negociadora: os outros dous sindicatos con representación acordaron presentar unha plataforma reivindicativa conxunta e, a pesar de que indican que a van remitir a todas as persoas presentes na mesa, só lla remiten á patronal, “coartando o dereito á información e a coñecer as propostas a todos os integrantes da mesa”.

Neste senso, lamentan que isto sucede a pesar da actitude construtiva amosada pola CIG-TIC dende o inicio das conversas, “apoiando as reivindicacións sindicais ante a crítica da patronal, pois como dixemos repetidamente o convenio está fóra da realidade do sector e hai que actualizalo máis pronto que tarde”. Pero os sindicatos españois negan o dereito á información da central maioritaria no sector en Galiza.

Finalmente, censuran que os sindicatos maioritarios na mesa sosteñan nos seus comunicados que queren e merecen un convenio digno “cando foron eles os que asinaron este mesmo convenio que agora cualifican de indigno”. Por iso se preguntan se pretenden axilizar a sinatura do novo convenio para volver a asinar un convenio "que dentro dun ano tacharán de indigno".