CIG-TIC denuncia a parálise negociadora da patronal do XVIII convenio de Consultoras estatal

Considera máis necesaria que nunca a existencia dun convenio TIC galego
Nacional - 20 Out 2021

A CIG-TIC denuncia a pouca iniciativa negociadora da patronal estatal de Consultoras e a parálise da mesa negociadora do XVIII convenio estatal, que celebrou onte unha nova xuntanza, na que se tentou darlle pulo á negociación, parada desde febreiro. Por iso considera máis necesaria que nunca a existencia dun convenio TIC galego, inserido nun marco galego de relacións laborais, que aborde temas que a representación da CIG puxo sobre a mesa desde o comezo en cuestión como o teletraballo ou as gardas, entre outras.

Segundo explica a CIG-TIC, afortunadamente, e logo de dous anos nos que parecían ausentes, “os sindicatos estatais entraron en sintonía coa nosa postura de que esta negociación non serve e que este convenio necesita unha reforma absoluta, chegando a indicar,como fixo a CIG-TIC, que este convenio non lles valía”.

Unha posición fronte á que a patronal insistiu en que lle gustaría seguir co proceso “continuista” no ton e no contido, afeando o feito de que as partes indicaran que o convenio non valía cando o anterior, que é o que se está a renovar agora, foi asinado por 4 das organizacións presentes nesta mesma mesa.

Desde a CIG-TIC respondeuse a este comentario para subliñar que a CIG non asinara o anterior convenio, certificar e ratificar que, efectivamente, “o convenio anterior non nos vale” e  anunciar que “socializaremos o conflito”.

Aínda que a representación da CIG insistiu en fixar un calendario de negociacións, feito tamén comentado pola patronal, finalmente quedou fixada unha soa reunión para o vindeiro 18 de novembro.