CIG-TIC mobilízase contra o emprego “abusivo e continuado de ETT” e aprecarización do sector

Delegados/as concentráronse esta tarde diante de Iman Temporing no polígono Costa vella

Compostela -

Delgados e delegadas da CIG do sector TIC concentráronse esta tarde diante da ETT Iman Temporing, no polígono da Costa Vella, na primeira mobilización da campaña que veñen de pór en marcha para denunciar a precariedade e as prácticas lesivas cos dereitos dos cadros de persoal das Empresas de Traballo temporal que operan no sector.

Entre outras a CIG-TIC asegura que hai traballadoras e traballadores que quedan sen vacacións logo de traballar 12 meses de xeito continuado, prodúcense despedimentos de persoal mentres está de baixa e hai un “absoluto desprezo pola conciliación persoal e familiar”. Xunto  a isto denuncian que mesmo se dan casos de chamadas a traballadoras e traballadores para incorporarse a un posto de traballo con 24 horas ou menos de antelación.

Atribúen a precariedade campante no sector ao emprego “abusivo e continuado” das ETTs, o que está a provocar que traballar neste sector en Galiza deixe de ser atractivo para os e as profesionais recentemente tituladas e, moito máis aínda, para as traballadoras e traballadores que contan con certa experiencia.

A CIG-TIC entende que por iso, diariamente, persoal deste sector abandona Galiza ou pasa a realizar o seu traballo de forma remota para empresas foráneas e que isto é o que explica a falta de profesionais para cubrir postos de traballo -1.500 segundo o Clúster TIC-.

Prexuízo ao sector

A CIG-TIC alerta dos prexuízos que estas prácticas xeran no sector malia as empresas ser coñecedoras da precariedade laboral e da “inherente mingua de calidade que provoca inestabilidade dos cadros de persoal e obriga a que postos en proxectos importantes non estean cubertos vía ETT”. Unha situación que, segundo denuncian, non debería permitir a Xunta de Galiza, que tería que garantir condicións dignas en todos os concursos públicos e que “a día de hoxe non nos consta que o faga”.

Campaña

Coa campaña posta en marcha, a CIG-TIC quere demandar o remate dos contratos de ETTs nas empresas do sector, substituíndo o seu emprego por traballadores e traballadores nos cadros de persoal das distintas empresas TIC do país.

Advirten ademais de que vixiarán que as prácticas deste tipo de empresas non lesionen os dereitos das e dos profesionais do sector e anuncian que denunciarán activamente calquera situación, mobilizando ao conxunto do persoal para a efectiva defensa dos seus dereitos.

Cada isto demanda da Xunta de Galiza e dos demais poderes públicos que “calquera tipo de contrato ou oferta pública de prestación de servizos informáticos esixa que o emprego que desenvolva servizos públicos á cidadanía non poida ser realizado a través de Empresas de Traballo Temporal”.

Volver