CIG-Vigo exixe información das causas do accidente laboral do traballador de Tendegasa en Meaño

Traballadores/as e representantes sindicais concentráronse ante Inspección de Traballo

Vigo -

Traballadores/as e representantes sindicais concentráronse esta mañá diante da Inspección de Traballo para demandar información sobre as causas que provocaron a morte por accidente laboral dun traballador da empresa Tendegasa Telecomunicacións o pasado mes de xullo en Meaño. A CIG de Vigo denuncia a falta de actuación por parte da Inspección e exixe que se aclaren as causas.

Segundo explica César Rodríguez, representante da CIG-Industria de Vigo, o traballador estaba contratado por Tendegasa, unha empresa de telefonía subcontratada por CONFICA. “A CIG xa ten denunciado as condicións laborais e a precariedade nesta empresa. Unha precariedade que é maior cando hai unha cadea de subcontratación e que acaba por trasladarse á prevención”.

Nese sentido sinala que o accidente laboral produciuse ao partirse, co seu peso, o poste ao que ascendera por uns garfios cando “en zona urbana ten que subir con escaleira ou, como mínimo, en plataforma”.

Por iso denuncia que, a día de hoxe, non haxa información algunha sobre as causas que provocaron o accidente e “nin sequera, información sobre se hai algún expediente aberto”.

Coincidindo coa concentración representantes da CIG presentaron por escrito a solicitude de información aínda que, como lembra Rodríguez, houbo contactos verbais anteriores por teléfono e por whatsapp para tratar de esclarecer as causas deste tráxico accidente.

Volver