CIG-Xustiza chama o persoal a intensificar a folga para darlle a Xunta unha resposta contundente

Así o trasladará nas asembleas de traballadores/as
Nacional - 19 Abr 2018

A CIG-Xustiza chama os traballadores e traballadoras a intensificar a folga para amosar o rotundo rexeitamento á oferta da Xunta e a súa actitude prepotente e antidialogante. Así o proporá a central sindical nas diferentes asembleas que se van celebrar para explicar o persoal de xustiza os termos da última xuntanza entre o comité a administración galega, que deu por rotas as negociacións sen querer entrar a valorar a proposta de peche de negociación achegada pola representación social.

De cara a facilitar unha saída ao conflito, a proposta trasladada polo comité de folga, e que xa non está enriba da mesa posto que tiña como vixencia o día de onte, flexibilizaba as demandas económicas ao contemplar unha suba lineal de 140€ en tres anos (da que se aplicaría un incremento do 60% para este ano e do 20% para 2019 e 2020); pero a ao tempo estabelece unha cláusula de revisión salarial, "que garantía que as retribucións do persoal de xustiza de Galiza estean sempre no posto cuarto da táboa comparativa coas outras comunidades e que permitiría que cada ano nos vaiamos aproximando ao terceiro posto", explica Óscar Freixedo, representante da CIG-Xustiza nas mesas de negociación. Tamén se contempla un plan de recuperación do traballo perdido.

Esta proposta presentouse en resposta á segunda oferta formulada pola Xunta na reunión de onte, que suporía unha suba de 140€ na categoría de forenses; 135€ para xestores/as; 127€ tramitadores; e de 122€ para auxilios. Aplicaríanse en tres anualidades: o 50€ para 2018, o 30€ para o seguinte ano e o 20€ para 2020).

Porén, a Xunta non entrou a valorar esta contraoferta, senón que deu por rotas as negociacións, abandonando á mesa e saíndo rapidamente a comparecer ante os medios o conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda -quen, por certo, segue desaparecido das mesas de negociación-, tentado deslexitimar, unha vez máis, a folga, as reivindicacións do persoal e buscando a desmobilizacións e rachar coa unión do persoal que até o dea gora ten caracterizado este conflito.   

Mentiras do Goberno galego

Fronte a isto, dende CIG-Xustiza apélase as traballadoras e traballadores a non caer nas mentiras do Goberno galego, a manter con forza e firmeza a folga e a dar unha resposta aínda máis contundente que faga recuar a Xunta nas súas posicións. "Despois de máis de dous meses levando adiante con dignidade e enorme sacrificio esta folga, non podemos permitir que a Xunta se burle de nós. Temos que seguir pelexando e intensificar as medidas de presión para que vexan que non imos asumir ningún acordo que perpetúe as discriminacións salariais e laborais que sufrimos, nin que permita seguir deteriorando do servizo público de xustiza", aseverou Freixedo.

Neste senso, dende o comité de folga tamén se fixo un chamamento a todos os colectivos deste sector afectados directamente polo conflito a que participen de maneira activa na mesa de operadores xurídicos que se vai constituír nos próximos días. "A súa non participación faraos cómplices do Goberno da Xunta de Galiza", afirman nun comunicado.

Recibimento a Feijoo na Coruña

Así as cousas, os traballadores e traballadoras de xustiza continúan este xoves coas mobilizacións e accións de protestas coas que cada día acompañan as xornadas de folga. Este xoves, aproveitando a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nun acto na Coruña, o persoal acudiu a recibilo entre berros e apupos, ao tempo que lle reclamaba un acordo digno que permita recuperar os dereitos roubados nos últimos anos e reverter o recorte de emprego sufrido na administración de xustiza de Galiza.