CIG-Xustiza de Compostela urxe que se reforce con medios humanos e materiais o xulgado de Arzúa

O persoal está sobrepasado polo exceso de carga de traballo que padece e a particular temática destes

Compostela -

Arzúa conta cun xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único, saturado desde hai anos pola falta de persoal e de medios materiais e agravado no último ano pola folga. A situación chegou ao punto de que a primeiro trimestre de 2019 había 109 demandas pendentes de incoar e 523 escritos pendentes de prover. Diante desta situación, a CIG-Xustiza de Compostela demanda medidas urxentes para reforzar tanto con medios humanos como materiais este xulgado. Medidas que foron defendidas mesmo pola Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, avogados/as, procuradores/as e o propio concello de Arzúa.

Segundo explica o representante da CIG Antón Ayaso, o xulgado está servido por unha Xuíza, un Letrado da Administración de Xustiza, dúas funcionarias do Corpo de Xestión Procesual e Administrativa, tres funcionarias do Corpo de Tramitación Procesual e Administrativa e un funcionario do Corpo de Auxilio Xudicial. “Arzúa, ao contar cun só xulgado de primeira instancia e instrución, está de garda todos os días do ano, desenvolvendo funcións civís, penais, de violencia sobre a muller e Rexistro Civil, atención cidadá…”, sinala.

Envellecemento da poboación

Con todo, para Ayaso o máis preocupante é o “notable” exceso de carga de traballo derivada da peculiaridade do Partido Xudicial, que conta con cinco residencias e un sanatorio psiquiátrico: a Residencia San Xosé, en Arzúa; a Residencia “Nosa Señora da Magdalena” e “Residencia para maiores” en Boimorto; o “Fogar residencial de Melide”, en Melide; a “Residencia Os Tercios S.L.” en Touro e o “Sanatorio La Robleda” en O Pino.

“Isto provoca que entren a trámite multitude de expedientes de incapacidade, tutelas e internamentos dos cales se derivan seguimentos ao longo dos anos. Estamos falando dun colectivo extremadamente vulnerable”, explica Ayaso, quen advirte de que “isto vai ir a máis polo cada vez maior envellecemento da poboación”. Incide ademais nas “complexas operacións contra a delincuencia que estiveron a cargo deste Xulgado e que conlevaron unha certa paralización e un gran incremento da xa excesiva carga de traballo”.

A toda esta carga de traballo habería que engadir ademais que a Xuíza titular trasladarase en breve, “co cal hai que facer un alarde xudicial que consiste en revisar todos os asuntos vivos do xulgado polo miúdo. Requisito obrigado cada vez que se cambia de titular”. Isto sumado a que un dos funcionarios xubilarase tamén este ano o que previsiblemente virá acompañado dun período de baleiro da praza mentres non se lle dea cobertura e a adaptación do/a novo/a xuíz/a aos seus respectivos postos.

Ayaso subliña que por mor desta situación “o persoal está non xa saturado senón mesmo desesperado pola enormísima carga de traballo que o sobrepasa”.

Demandas concretas

O representante da CIG lembra que a situación non é de agora senón que vén desde hai anos e que as/os titulares do Xulgado veñen solicitando desde o ano 2017 o urxente nomeamento de reforzos. “Necesitan de forma perentoria un funcionario/a do corpo de Auxilio Xudicial e outro/a de Tramitación Procesual e Administrativa. Xunto a isto, para un primeiro momento, precisan tamén un reforzo en forma de prolongación de xornada que permita compensar así o traballo desinteresado que veñen facendo a maiores as traballadoras, sen contar ate´o de agora recoñecemento algún por parte da administración”.

Cando a medios materiais Ayaso sinala a necesidade de cuestións tan básicas como sillas ou armarios axeitados para os expedientes, porque de momento a única das peticións que se atendeu foi a de instalarlles recentemente o sistema Fidelius de Gravacións de Vistas, Audiencias e Comparecencias, do que até hai nada tamén carecían.

Actividade por xurisdición: exceso de asuntos

O representante da CIG apunta que segundo a estatística da actividade por xurisdicións, tanto para o ano 2018 como para anteriores, este Xulgado “excede o módulo de entrada de asuntos nos órganos xudiciais da súa clase”, reflectido na Orde JUS/1415/2018 do 28 de decembro, polo que se publica o acordo entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza para a determinación do sistema de medición da carga de traballo dos órganos xudiciais.

Segundo o espírito desta Orde, lembra Antón Ayaso, “deberíase ter en conta a complexidade da litioxidade en función do número de procedementos dunha ou doutra clase, así como a falla de especialización do xulgado e a falta de dotación de persoal da Administración de Xustiza de cara a adopción das medidas de apoio e reforzo que resulten máis axeitadas”.

Volver