CIG-Xustiza exixe que se informe ás organizacións sindicais das obras nos xulgados de Fontiñas

Demanda da dirección xeral de Xustiza que convoque unha xuntanza para informar ao persoal

Compostela -

A CIG-Xustiza de Compostela vén de remitir á Dirección Xeral de Xustiza un escrito en demanda de que se convoque de forma urxente a todas as organizacións sindicais para informar de todo o relativo ás obras de eficiencia enerxética do edificio xudicial de Fontiñas da rúa Viena. Denuncia que nin a representación sindical nin o persoal teñen coñecemento oficial algún de como está previsto planificalas a pesar da previsible envergadura que terán. Por iso demanda que se informe as mesmas a todas as organizacións sindicais.

A mediados do pasado mes de marzo a Xunta de Galiza facía público un investimento de máis de 750.000 euros en melloras de eficiencia enerxética nos xulgados de Santiago de Compostela. Unhas obras que estaba previsto que comezaran xa no mes de marzo e que, tal e como denuncia o representante da CIG-Xustiza, Antón Ayaso, “aínda non se puxeron en marcha”.

Con estes traballos de mellora das instalacións dos xulgados a Xunta daba por fin cumprimento, tras anos de denuncias das insalubres condicións laborais que tiñan que soportar as traballadoras e traballadores e as usuarias e usarios,  aos reiterados requirimentos da Inspección de Traballo de acondicionar o edificio para evitar as elevadísimas temperaturas, de máis de 27 graos xa a primeira hora da mañá, chegando mesmo, nas horas centrais do día aos 37 graos.

Sen planificación

Ayaso advirte dos previsibles trastornos que provocarán as obras tanto no desenvolvemento diario do traballo nas oficinas xudiciais, como na atención ás/aos profesionais da xustiza e usuarios e usuarias da mesma.

Neste sentido subliña que “as obras dificultarán, cando non impedirán o normal funcionamento dos xulgados, que xa acumulan importantes atrasos para as usuarias e usuarios da xustiza, que non deberían verse afectados polas mesmas” e entende que esa planificación debería estar sobre a mesa antes de que se inicien.

A este respecto sinala que se verán afectados na cuarta planta: IMELGA, a sección 6 da Audiencia Provincial, o xulgado de Familia e os 2 xulgados do Penal. Xunto a estes, na terceira planta afectará ao Xulgado de Violencia sobre a Muller, o Xulgado de Instrución número 1 e á Fiscalía. “Isto ademais dos trastornos que puideran ter para o resto das oficinas xudiciais”, engade.

Riscos para a saúde

Denuncia ademais que “até o momento descoñecemos as medidas que se pretenden adoptar en materia de saúde laboral”. Asegura que non teñen ningunha información “sobre a existencia ou non de algún plan de actuación para minimizar os riscos para a saúde das e dos traballadores e para usuarios/as ou como se planificarán para minimizar o impacto no normal desenvolvemento da actividade nun edificio público como este”.

O representante da CIG-Xustiza lembra ademais que é deber das administracións públicas, respecto do persoal ao seu servizo, garantir a seguridade e saúde; que “ten  dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo” e que é deber da administración “informar dos riscos e medidas de protección e prevención”, para o que teñen a obriga de informar tanto ás traballadoras e traballadores como ás/aos seus representantes.

Volver