Cinco perspectivas sobre a crise de Hong Kong

Xulio Ríos - 17 Out 2019

A crise política que atravesa a RAEHK converteuse noutro factor máis de tensión nas relacións sino-estadounidenses. Así se puxo de manifesto nas declaracións de líderes, pronunciamentos oficiais, iniciativas lexislativas, etc., promovidas desde a Casa Branca. Hong Kong reafirmouse así como unha peza máis da pugna estratéxica (económica, comercial, financeira, tecnolóxica, militar, etc.) que enfronta a primeira e a segunda economía do mundo

 A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong (RAEHK) protagonizou o verán político en China. Aínda que en setembro, tras meses de importantes e persistentes mobilizacións, a situación deu unha viraxe cara a unha maior calma relativa, as perspectivas seguen a ser sombrías e complexas. Aínda que as autoridades locais e centrais apostan por abrir vías de diálogo cos sectores opositores, estes denuncian o carácter cosmético dunha proposta que só aspiraría a dividir e diluír a mobilización. O apelo a unha maior implicación internacional é rexeitado de plano por Beijing e do mesmo xeito que o recurso á exhibición de bandeiras da vella potencia imperial (así como de Estados Unidos) provoca abraio e amplo rexeitamento en China.

A orixe

 Un hongkonés buscado en Taiwán polo presunto asasinato da súa noiva en Taipei fuxiu da xustiza por dúas razóns: unha, os crimes extraterritoriais non son puníbeis segundo a lei da RAEHK; dous, non existe un acordo formal de extradición entre Hong Kong e Taiwán pois as actuais ordenanzas sobre delincuentes fuxitivos e a de asistencia xudicial recíproca en asuntos penais non se estende a Taiwán. Esta circunstancia xustificaría, con toda lóxica, o impulso dunha normativa que facilitaría a entrega desde e cara a Taiwán e, por extensión, cara a e desde China continental. O problema radica na diferente configuración dos sistemas xudiciais xa que o do continente se considera menos imparcial e tamén menos garantista.

 Malia a racionalidade do problema a afrontar, o conflito rebordou ao servir de catalizador doutras tensións que levan tempo añiñando na ex colonia británica. Esta suma derivou na participación en masa de miles de hongkoneses poñendo contra as cordas o goberno local e en causa as políticas do goberno central para a rexión, é especial, a pervivencia da propia autonomía e a subsistencia última e efectiva do principio “un país, dous sistemas”.

As demandas democráticas

 Xa que logo, aínda que o proxecto de lei de extradición estaba na orixe da protesta, axiña derivou cara a unha plataforma reivindicativa máis ampla, apuntando á democratización e a defensa da autonomía local como eixes principais dunha mobilización que aglutinou xa non só a estudantes senón tamén a outros colectivos, habitualmente ausentes, nunha expresión masiva de descontento. Se as primeiras manifestacións a mediados de xuño avogaban pola retirada do proxecto, tres meses despois, tras o anuncio do seu abandono, as “cinco demandas” (ademais do desestimento, unha investigación independente, amnistía, non tipificación das protestas como disturbios e democratización) pasaron a primeiro plano. Ningunha delas semella doado de aceptar, polo menos na súa formulación inicial, por parte das autoridades locais.

 O fío de tensión establecido entre as demandas dos colectivos máis implicados e as posicións oficiais agoira un longo pulso no que a progresiva desmobilización duns e a radicalización doutros pode facer colapsar a protesta.

A política continental cara a Hong Kong e a “sexta demanda”

 Deng Xiaoping ideou a fórmula “un país, dous sistemas”, entre outros, para acentuar a previsibilidade da política chinesa tras décadas de convulsións internas. Foi concibida para resolver o problema de Taiwán pero aplicouse primeiramente en Hong Kong e, dous anos máis tarde, en Macau, converténdose nunha expresión de pragmatismo e boa fe que podería permitir alcanzar o obxectivo histórico da reunificación por medios pacíficos e de forma non traumática.

 O impulso de Deng primou nas décadas seguintes. Máis recentemente, os cambios introducidos na política chinesa polo presidente Xi Jinping tamén afectaron a Hong Kong. En 2013, o Consello de Estado deu a coñecer un libro branco sobre a RAEHK no cal, entre outros, apelaba a reforzar a conciencia patriótica dos hongkoneses e moi especialmente dos xuíces, o que foi interpretado por algúns como un cuestionamento das previsións establecidas nos artigos 85 e 88 da Lei Básica da RAEHK que abundan na preservación da independencia do sistema xudicial local.

 A desfeita da reforma electoral en 2014 co rexeitamento á creación dun “comité de nominacións” dos candidatos a Xefe Executivo, mostrou os límites dunhas reformas que xa enxergaban un horizonte de liquidación, o de 2047, cando finaliza formalmente o compromiso de vixencia dos “dous sistemas”. En 2017, unha lei de himnos tipificaba como delito calquera falta de respecto á Marcha dos Voluntarios. E o posterior secuestro de libreiros nun intento por censurar e controlar a industria editorial da RAEHK reafirmaba unha tendencia cara a prácticas máis autoritarias que facían perigar o máis favorábel clima de Hong Kong neste aspecto.

 O intervencionismo central en asuntos sensíbeis completouse con importantes apoios económicos: desde un trato fiscal preferencial a proxectos de gran envergadura como a creación da área da Gran Baía Guangdong-Hong Kong-Macau. A pesar do auxe de Shanghái ou Shenzhen, os intereses xerais das elites locais estaban preservados e Hong Kong permanecería firmemente ancorado na economía continental.

 Porén, a paixón e a iniciativa exhibida polas autoridades centrais á hora de promover certas reformas non se estendeu a outros ámbitos. En 2020, cando China previsibelmente anuncie que erradicou a pobreza no país, darase o paradoxo de que en Hong Kong, cunha renda per capita cinco veces superior, un de cada cinco cidadáns seguirá vivindo por baixo da liña da pobreza. A desatención ás problemáticas sociais (ingresos, vivenda, educación, etc.), evidentes no agravamento dunha desigualdade galopante, debería formar parte inescusábel da autocrítica oficial. E chama a atención que non figure como “sexta demanda” da plataforma dos colectivos mobilizados.

O problema territorial chinés

 Hong Kong é expresión da complexidade do sistema político-territorial chinés, articulado sobre a base de municipalidades dependentes directamente do goberno central, provincias, rexións autónomas, etc. Coñecidas son as tensións nacionalistas no Tibet ou Xinjiang, fundamentalmente. En Macau tamén xorden algúns movementos políticos de signo desafiante como New Hope, aínda que intrascendentes na actualidade. Pero o maior reto neste sentido é Taiwán.

 Os efectos da máis recente crise de Hong Kong en Taiwán son notorios. En novembro pasado, o soberanista Minjindang tivo unha forte derrota nas eleccións locais, gañadas polo Kuomintang, partidario da unificación, aínda que non implementada sobre a base “un país, dous sistemas”. En xaneiro, Xi Jinping recordou a Mensaxe aos compatriotas de Taiwán que Deng pronunciou en 1979, revalidando a invariabilidade do camiño trazado; en suma, haberá reunificación custar o que custar, mesmo pola forza chegado o caso. A sensación de inseguridade xerada resucitou a popularidade da presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen. Os sucesos de Hong Kong achegaron máis valor a esa repunta, de forma que hoxe encabeza as enquisas de cara ás eleccións presidenciais e lexislativas de xaneiro de 2020. Mentres Xi reclama máis velocidade no camiño da reunificación, co horizonte de 2049 como fronteira simbólica, a impaciencia pódese volver na súa contra.

As tensións cos Estados Unidos

 A crise política que atravesa a RAEHK converteuse noutro factor máis de tensión nas relacións sino-estadounidenses. Así se puxo de manifesto nas declaracións de líderes, pronunciamentos oficiais, iniciativas lexislativas, etc., promovidas desde a Casa Branca. Os cabezas visíbeis da protesta hongkonesa foron acollidos en Washington (e Berlín) cos brazos abertos, provocando a condena das autoridades en Beijing.

 Hong Kong reafirmouse así como unha peza máis da pugna estratéxica (económica, comercial, financeira, tecnolóxica, militar, etc.) que enfronta a primeira e a segunda economía do mundo. Pola democracia, Washington parece disposto a “poñer todo da súa parte” cando se trata de China, o seu rival, pero non cando se trata de países amigos (Arabia Saudita, por citar algún) con peores rexistros democráticos mesmo.

 Neste contexto, China denunciou a activa interferencia exterior manifestada na implicación directa de persoas e entidades no fomento de graves desordes que en calquera país desatarían unha vaga forte represión (basta comparar coa Francia dos chalecos amarelos). China, porén, foi capaz de manter o sangue frío e evitar un desenlace tráxico que a desprestixiaría en todo o mundo e serviría de pretexto para unha campaña de demonización e boicot que poñería en serio perigo a súa actual estratexia exterior.

Xi Jinping e “a arte da loita”

 Nun discurso na Escola Central do Partido a primeiros de setembro, Xi apelou aos dirixentes chineses a “saber dominar ben a arte da loita” ao entrar o país nun período inzado de riscos e no cal se debe estar preparado para afrontar acontecementos inesperados. Hong Kong estaba na mente de todos os presentes. No exterior, non faltou quen axiña interpretou esa aseveración como unha declaración de antagonismo radical con todos aqueles que intenten impedir a súa urxencia no panorama internacional. Así e todo, cabería considerar que, pola contra, a expresión alude no esencial á necesidade de “ter cintura” para encaixar e xestionar os acontecementos inesperados con flexibilidade, sen caer en confrontacións totais e abertas.

 Diríase que, por fortuna, o xeito en que China encarou a crise de Hong Kong outorga máis credibilidade a esta última visión.

 

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la política china, do 15 de outubro de 2019]