Claman contra a externalización do servizo de limpeza do Hotel La Toja

A maioría da representación sindical convocou unha protesta diante do establecemento grovense
O Grove - 09 Mai 2022

Boa parte do cadro de persoal do Eurostars Gran Hotel La Toja, establecemento hoteleiro do grupo Hotusa ubicado na illa da Toxa, no Grove, mobilizouse este venres diante das instalacións para rexeitar intención da empresa de externalizar o servizo de limpeza, decisión que afectaría a 9 dos 37 traballadores/as, que pasarían a formar parte da nova subcontrata.

Durante a protesta, que se desenvolveu a partir das 17:00 horas, berráronse consignas contra os plans da empresa e denunciando a precariedade laboral. A convocatoria partiu da representación da CIG (2 delegados/as) e de CCOO (1 delegado/a) no comité de empresa (a UGT conta con 2 representantes, pero non se opón á externalización) ante a intención da compañía de externalizar a limpeza de habitacións, balneario, cociña e zonas comúns a partir do día de hoxe, 9 de maio.

A medida afectará a 9 das 37 persoas que integran o actual cadro de persoal (30 fixas descontinuas e 7 fixas), despois de que nos últimos anos o número de traballadores/as se fora reducindo drasticamente: en 2007 había 280, en 2011 168, en 2015 152 e en 2019 66.

Na representación sindical entenden que se trata dunha represalia por non ter aceptado o expediente de regulación de emprego de redución de xornada presentado pola empresa para o conxunto do persoal o pasado mes de marzo aducindo obras no establecemento e a situación de grave crise económica. “Nese momento non partexou ningunha outra medida, pero dias despois comunica a decisión de externalizar o servizo de limpeza, o que consideramos actuar de mala fe e ocultar información”, censuran.

Reducir a representación sindical

Ademais, consideran que o obxectivo desta decisión empresarial é recortar a pluralidade na representatividade dos representantes legais dos traballadores/as, xa que tras a externalización o cadro de persoal vai ser inferior a 30 persoas, quedando como persoal da empresa a propia estrutura básica, polo que xa non se escollería comité de empresa, senón un/ha único/a representante como delegado/a de persoal.

Ao mesmo tempo, lembran que en outubro de 2016 a empresa propúxolle a modificación contractual a todo o persoal fixo para convertelo en fixo descontinuo, “como medida menos gravosa que a extinción da relación laboral, tendo unha aceptación voluntaria por case todo o persoal”. Fixábase tamén unha garantía mínima de emprego de sete meses ao ano, coa posibilidade de incrementala a nove meses, medida que segue vixente na actualidade.