Claman contra a represión sindical en Mercadona cunha acción diante dun supermercado de Vigo

A CIG-Servizos desenvolveu unha protesta para denunciar persecución ás delegadas tras a condena por vulneración do dereito de liberdade sindical
Vigo - 12 Mar 2026

Persoas traballadoras e delegadas sindicais da CIG nos distintos comités de empresa provinciais de Mercadona protagonizaron esta mañá unha acción reivindicativa en Vigo para rexeitar a campaña de represión, persecución e acoso da dirección ás representantes da central. A protesta chega despois da recente condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) a Mercadona por vulneración do dereito de liberdade sindical, tras a demanda de tutela de dereitos fundamentais presentada pola CIG.

A mobilización -que contou cunha notábel presenza policial- incluíu unha concentración diante do establecemento da Avenida de García Barbón, durante a que varias persoas aproveitaron para escenificar a actitude represora da empresa portando máscaras brancas coa boca tapada. Tamén portaban carteis denunciando que “Mercadona oculta información do comité de seguridade e saúde ás delegadas da CIG”, feito que motivou a sentenza do TSXG declarando a “nulidade radical” da conduta da compañía e establecendo o pago dunha indemnización.

Ao mesmo tempo, despregouse unha faixa reclamando “emprego digno sen explotación” e berráronse consignas censurando a represión sindical e esixindo a campaña de “acoso e derribo” da dirección contra a representación sindical da CIG, “que se está a intensificar ante a proximidade das eleccións na empresa”, tal e como sinalaron dende a central na recente rolda de prensa para dar conta da decisión sindical.

A sentenza considera que a empresa fai unha interpretación excesivamente restritiva da lexislación para impedir o acceso das delegadas/os á documentación sobre prevención de riscos laborais, resultados dos test psicosociais, regulamento do comité e datos sobre acreditacións doutros sindicatos. Tampouco permitía o acceso de asesores/as da CIG, mentres que si asistían de CCOO e UGT: Polo que declara a nulidade radical desta conduta e condena a Mercadona a entregar a información solicitada e a abonar unha indemnización de 22.503 euros por danos morais.

Control e chantaxe permanentes

A protesta de hoxe fai parte da campaña posta en marcha pola CIG -sindicato maioritario en Mercadona a nivel galego- para denunciar a política de represión sindical e de acoso laboral que caracteriza as relacións laborais na empresa de alimentación, con denuncias e mobilizacións dende hai tempo nas catro provincias. A secretaria da sección sindical da CIG en Mercadona da provincia de Pontevedra, Verónica Pérez, lembrou que dende que a central obtivo representación no comité a empresa comezou a manobrar para impedir a labor das delegadas. “Non facilitan toda a documentación que lles solicitamos e limitan a certos espazos as visitas que realizamos ao centros de traballo, mesmo cando queremos falar coas persoas traballadoras”.

A maiores, Mercadona utiliza “o control e a chantaxe permanentes” aplicando o chamado ‘modelo’, unha normativa non escrita que a empresa aplica e que supón unha vulneración de dereitos, con castigos discrecionais que afectan ao cobro das primas económicas anuais, como así o ten denunciado a central diante da Inspección de Traballo. “Trátase dunha estratexia mediante a que nos dan a escoller entre os dereitos do convenio ou o que a empresa considera que realmente necesitas, como no caso de ter que acollerte a licenzas para coidado de menor ou por hospitalización de familiar”.

Se a persoa traballadora opta por facer usos dos seus dereitos laborais queda inmediatamente “marcada” por parte das coordinadoras, polo que non terá dereito a cobrar a prima nin a gozar da semana de vacacións extra anunciada pola empresa recentemente tras un acordo do comité intercentros.