Clamor en Viveiro pola continuidade da fábrica de Vestas e o mantemento dos empregos
As rúas de Viveiro acolleron este sábado unha nova mobilización dos traballadores e as traballadoras da fábrica de compoñentes eólicos de Vestas en defensa dos empregos e para esixir a continuidade de actividade produtiva. Á manifestación sumáronse centos de persoas para apoiar a loita do persoal, mais tamén para reivindicar o dereito a ter postos de traballo e futuro industrial na Mariña.
Coa incerteza pendendo sobre a continuidade da factoría de Alcoa, o anuncio de Vestas de pechar a fábrica de Chavín e deixar na rúa os seus 115 traballadores e traballadoras constitúe un durísimo golpe para a comarca, que vive un esmorecemento progresivo a nivel industrial e de emprego. Por iso, reclaman solucións e a actuación urxente das administracións, nomeadamente do goberno galego, para evitar esta desfeita, que ademais se dá no marco do proceso de descarbonización da economía e en plena ofensiva de colonización enerxética.
A CIG denuncia que sería un auténtico crime permitir que se destrúa o tecido produtivo e os empregos na actividade relacionada co sector, mentres o noso territorio se enche de macro parques eólicos e se continúan a espoliar os nosos recursos en favor dos intereses das grandes eléctricas e dos fondos de investimento.
Responsabilidades dos gobernos
Neste senso, o voceiro da CIG no comité, Julio López Cribeiro, alertaba durante a manifestación a falta de xustificación dun ERE contra o que o persoal pelexará para lograr que se paralice. Apelou á responsabilidade dos gobernos para evitar que Vestas execute os despedimentos e deslocalice a produción, e reclamoulle á Xunta de Galiza que interveña de inmediato "porque ten as capacidades e as competencias en materia industrial".
"Feijoo ten que mobilizarse por todos e todas nós e evitar este novo desfalco na Mariña. Esixímoslle á Xunta de Galiza, que ten toda a potestade, que paralice este ERE, ou que busque unha alternativa de traballo, porque non se pode acabar coa industria na comarca e permitir que toda a actividade se deslocalice", aseverou Cribreiro.
A Xunta ten convocada para este martes reunión da mesa industrial constituída para abordar o futuro da fábrica de Chavín e á espera do que dea de si esa a xuntanza, o persoal continuará adiante coas mobilizacións en defensa dos empregos e da actividade produtiva.