Clamor na Coruña para esixir unha solución que garanta a continuidade industrial e os empregos na fábrica de aluminio

Centos de persoas piden a intervención dos gobernos e o cese da represión en Alu Ibérica
A Coruña - 27 Mar 2021

Centos de persoas manifestáronse este sábado polas rúas da Coruña para esixir unha solución industrial que garanta o continuidade produtiva e os postos de traballo na fábrica de aluminio; así como para rexeitar a represión sindical que está a exercer a dirección de Alu Ibérica. A marcha, que saíu da Delegación do Goberno e rematou na Praza de María Pita, supón o punto de arranque dun calendario de mobilizacións "que non cesará até ver conseguidas as reivindicacións que levamos anos demandando e que pasan pola intervención pública das fábricas de aluminio".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apelou a reforzar a presión e mobilización social para rachar coa inacción dos gobernos, cando restan só cinco meses para que rematen as garantías de emprego establecidas no acordo de venda de Alcoa a Parter Capital e cando hai un alto risco de desaparición e desmantelamento da fábrica. Un peche que agravaría a crise económica derivada da pandemia e suporía afondar a crise industrial que atravesa Galiza de norte a sur e que ameaza con converter a comarca da Coruña nun verdadeiro deserto industrial.

Diante desta funesta realidade, Carril subliñou que está nas mans do goberno español e galego dar futuro industrial e continuidade aos empregos e garantir que volvan acender as cubas de electrólise "que nunca se debeu ter aceptado que pararan". Neste senso, acusou o goberno español e a Xunta de seren cómplices coa súa pasividade do "terrorismo patronal" instalado na dirección da empresa e responsabilizou a ambas administracións do resultado da operación mercantil iniciada por Alcoa, que cualificou de "estafa industrial monumental", xa que tanto o Executivo estatal como a Xunta "abrazaron esta solución" para a fábrica da Coruña.

"Non hai máis que lembrar como a comezos do mes de xaneiro de 2019 a Mesa Industrial de Madrid fixo seu o plan de peche de Alcoa, que é onde nace todo", salientou.

"A credibilidade dos gobernos pasa dar unha solución definitiva"

Despois dos últimos acontecementos nas instalacións marcados pola represión sindical, os despedimentos e as investigacións xudiciais por delitos de estafa, roubo e apropiación indebida, e secretario xeral da CIG preguntouse que máis ten que pasar para que os gobernos actúen.

"A credibilidade dos gobernos pasa por resolver este conflito antes de que a crise siga avanzando e o paso do tempo faga máis irreversíbel a situación", afirmou. Por iso, Carril esixiulles "que cumpran, porque nos deben unha solución que só ten un camiño, a intervención pública das fábricas".

Esta intervención constitúe a única forma de "volver á casiña de saída, de desaloxar a Grupo Riesgo e de que Alcoa asuma a súa responsabilidade". E é a través das decisións políticas, e non nos xulgados, como se pode resolver a actual situación, darlle continuidade a un sector  estratéxico como o aluminio e garantir o mantemento do noso tecido industrial, chave para afrontar a crise, tal e como se comprobou neste último ano. "Unha saída xusta da crise pasa por unha intervención decidida dos gobernos na defensa do interese público, concentrando  todos os recursos públicos para salvar as persoas traballadoras, o emprego e a industria", reiterou.

Mais Carril tamén puxo o acento en que non se pode consentir que despois de sufrir todos  estes episodios de terrorismo patronal e a inacción dos gobernos, se vivan nesta fábrica  "sucesos definitivos a conta de manter a vixencia dunha reforma laboral que dá poder total á patronal para que de maneira unilateral decidan o futuro de centos de traballadores e traballadoras".

Sen políticas públicas para afrontar o alto prezo da enerxía

Nesta liña, criticou que a pesar do tempo transcorrido, o goberno non sacou adiante un estatuto electrointensivo que dea as repostas que precisa o sector, non se puxeron en marcha políticas públicas para unha transición enerxética que sexa social e territorialmente xusta "e tampouco hai medidas publicas para facer fronte aos altos prezos da enerxía impostos polo oligopolio das empresas eléctricas". Ao contrario, "no noso país seguimos sen poder tirar proveito dos nosos recursos enerxéticos para beneficio do pobo e da industria".

"Sendo Galiza principal produtora de enerxía do Estado, con todo o dano ambiental e social que isto causa, exportamos unha media anual do 30% da electricidade que xeramos para o desenvolvemento industrial doutros territorios, mentres aquí só temos desemprego, emigración e peches de empresas polos altos prezos da electricidade", denunciou.

Fronte a isto, animou a continuar na mobilización con "toda a forza que nos dá a razón e a xustiza das nosas reivindicacións".