Colapso da Unión Europea? Un punto de vista escéptico

Immanuel Wallerstein - 29 Mar 2016

Hai, e continuará habendo, unha loita política real dentro da UE acerca do tipo de institución colectiva que debería ser. Esta loita política no interior de Europa é unha parte da loita global acerca do mundo que queremos construír como resultado da crise estrutural do sistema-mundo moderno

 Un dos xogos a que os expertos e os políticos xogan hoxe en día é verbalizar o por que e o como vai colapsar, xa está colapsando, a Unión Europea (UE). Calquera que siga as noticias mundiais coñece as explicacións estándar: a Grexit e a Brexit (acrónimos que designan a posíbel saída de Grecia ou Gran Bretaña da UE) só conducirán a outras saídas; ninguén quere máis migrantes (refuxiados) no seu país; Alemaña ten demasiado poder, ou non o suficiente; están xurdindo por todas as partes forzas/partidos de ultradereita; o acordo de Schengen, que permite movementos sen visado, está sendo suspendido en case todos os países que o adoptaron; crece imparábel o desemprego.

 Existe un tema subxacente nesta ladaíña de pesimismo (ou é optimismo?). Os europeos, tanto os sofisticados como os "ignorantes", volvéronse impermeábeis aos argumentos racionais. Case todos actúan irracionalmente, respondendo ás súas emocións e non a análises reflexivas. Pero en verdade é así, Charlie Brown? Dá para unha boa tira cómica, pero logo significa que a UE deixará de feito de existir?

 Non estou brindando aquí os meus puntos de vista sobre se a Unión Europea é boa ou mala, se debería ser apoiada ou se deberiamos socavala. En cambio, quero analizar o que penso que ocorre na realidade. Será que as institucións que agora conforman a Unión Europea continuarán existindo a 10 ou 20 anos de hoxe? Sospeito que si. Para ver por que penso isto, revisemos xuntos o que fai que os europeos -tanto os sofisticados como os “ignorantes”- dubiden de se dar o paso fatal de desmantelar aquilo polo que traballaron tanto durante os últimos 70 anos. Hai algunhas razóns que un podería chamar económicas, outras que serían xeopolíticas e, finalmente, outras que poderiamos chamar culturais.

 Comecemos pola economía. A situación en termos do ingreso actual, tanto para os Estados como para a maioría dos individuos, é mala en todas as partes da Unión Europea. A cuestión é se desmantelar Europa podería se cadra mellorala, ou talvez empeorala.

 Algo que está suxeito a constante debate é a Eurozona poderá sobrevivir? Collamos por exemplo o que ocorreu en Grecia e as dúas eleccións de 2015 que se celebraron aí. Alexis Tsipras, o dirixente do partido Syriza, que hoxe goberna, foi elixido nos primeiros comicios cunha plataforma anti-austeridade. Na negociación coa UE para un empréstito posterior, este retractouse xustamente de todo aquilo que prometeu aos votantes gregos. Accedeu ás medidas esixidas pola UE que danan fondamente a capacidade real da maioría da poboación. Debido a isto foi denunciado polas forzas de esquerda dentro de Syriza que o acusaron de traizoar as súas promesas, retiráronse do partido e impulsaron outra candidatura. No entanto, nas seguintes eleccións que foron convocadas por Tsipras con gran celeridade volveu recibir o mandato. Os votantes gregos elixírono a el, antes que a esquerda dentro de Syriza.

 Parece claro, polo menos para min, que os votantes gregos non prestaron atención ningunha ás denuncias de esquerda porque, por riba de todo, non querían abandonar a zona do euro. Tsipras fixou como prioridade manter o euro e, en cambio, as forzas de esquerda buscaban volver a unha divisa autónoma. Aparentemente, os votantes gregos creron que os aspectos negativos máis reais de estar na zona do euro eran menores, no seu punto de vista, que os probábeis aspectos negativos de volver ao dracma.

 A situación é máis ou menos a mesma no que concirne aos chamados trazos da rede de seguridade que instalaran os gobernos europeos, tal como as pensións e os beneficios do desemprego. Virtualmente todos os países da UE estiveron recortando a súa rede de seguridade por falta de fondos. A estes recortes tentaron resistirse, ás veces con logros, os partidos de esquerda ou centroesquerda. Pero acasao hai razóns para supoñer que se a Unión Europea desaparecese mañá estes gobernos terían máis fondos para distribuír? Os partidos de esquerda din con frecuencia iso, condenando o que consideran como presións neoliberais da burocracia da Unión Europea en Bruxelas. Pero miren por todo o mundo. Pode alguén sinalar gobernos fóra do alcance de Bruxelas que sexan capaces de incrementar os seus gastos relativos ao estado de benestar?

 Se non existen vantaxes reais en desmantelar a UE, en termos dos niveis de ingresos, hai algunha outra razón para facelo? A UE xogou un importante papel xeopolítico desde o seu establecemento e os seus membros foron medrando de xeito constante. Estados Unidos estivo apoiando publicamente o xurdimento e expansión da Unión Europea, pero intentouna socavar nos feitos. Estados Unidos viu a UE como un perigo xeopolítico importante. É obvio para case todos os observadores que a forza xeopolítica da UE é resultado dos números. Un desmantelamento terminaría con esta forza e reduciría os Estados europeos separados a unha importancia xeopolítica case nula.

 Ao final, case todos os líderes e movementos europeos entenden isto. Con todo, pese a que case todos eles vaian contra a UE como estrutura, están preparados para deixar de lado as vantaxes que unha gran entidade única lles outorga? Os grupos de dereita, en especial en Europa oriental, consideran a UE como unha presión de Estados Unidos para ofrecerlles protección militar contra unha Rusia potencialmente agresiva. Os grupos de esquerda noutros países, como en Francia, usan a forza da UE para conter o que pensan que son as accións potencialmente agresivas de Estados Unidos. Algún destes grupos gañaría co desmantelamento da UE?

 Finalmente, hai os chamados lazos culturais entre Estados Unidos e Europa. Proclámanse en público e desdéñanse máis caladamente como remanentes da dominación hexemónica estadounidense nos primeiros 25 anos despois de 1945. Outra vez aí hai motivacións varias. Os partidos e movementos de esquerda queren utilizar a estrutura unificada como modo de recobrar a autonomía cultural (aínda unha superioridade) que senten que tiñan antes de 1945. As forzas de dereita queren utilizar a súa forza para insistir na súa autonomía cultural sobre as cuestións de dereitos humanos. De novo, da unión nace a forza.

 O que observo que ocorre é que hai máis e máis retórica e menos e menos accións reais. Para ben ou para mal, a miña sensación é que as institucións da UE sobrevivirán. Isto non significa que non cambien. Hai, e continuará habendo, unha loita política real dentro da UE acerca do tipo de institución colectiva que debería ser. Esta loita política no interior de Europa é unha parte da loita global acerca do mundo que queremos construír como resultado da crise estrutural do sistema-mundo moderno.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 27 de marzo de 2016]