Colapso nas Urxencias do Hospital da Coruña polo peche de camas e o abandono da Primaria

A Comisión de Centro esixe a apertura de todas as camas nas unidades de hospitalización
A Coruña - 26 Xun 2019

A Comisión de Centro de Atención Hospitalaria da EOXI da Coruña denuncia a nova situación de colapso que se está a vivir no servizo de urxencias. A situación crítica do servizo nestes momentos, advirten, é consecuencia directa do peche de camas que se vén de iniciar este verán "a pesares das necesidades asistenciais constantes de camas de hospitalización". Así, denuncian, o pasado luns a imaxe das urxencias foi, unha vez máis, "a de pacientes amoreados/as nos corredores, en condicións que atentan contra a intimidade e a dignidade das persoas".

Dende a Comisión de Centro saliéntase que o peche de camas provocou que as e os pacientes ingresados tiveran que estar nos corredores do servizo de urxencias desde o venres, esperando ao traslado a súa planta correspondente. Porén, malia a situación de colapso, "a Xerencia mantivo bloqueadas as camas pechadas en medicina interna do Hospital Abente e Lago".

Malia o colapso, a Xerencia mantivo bloqueadas as camas pechadas en medicina interna do Hospital Abente e Lago"

Ante este desbordamento, a presidenta da Comisión de Centro, María Seijo (CIG), pregúntase se a Xerencia teimará en afirmar que todas as camas operativas están operativas ou se lle botará a culpa do colapso á afluencia masiva de doentes. "En todo caso, afirma, esta afluencia deberíase, como durante todo o ano, ao continuo desmantelamento da capacidade asistencial de Atención Primaria". A non cobertura das/os profesionais provoca a demora das citas e, en consecuencia, que as/os pacientes se vexan na obriga de acudir ao servizo de Urxencias do Hospital da Coruña.

"As/os profesionais do servizo de urxencias traballan arreo, dando uns coidados que para a cidadanía semellan precarios e para as/os profesionais frustrantes". Por iso, a Comisión esixe á Xerencia medidas urxentes, que se rectifique inmediatamente o peche de camas nas unidades de hospitalización e se manteñan dispoñíbeis todos os recursos "para garantir o drenaxe dos/as pacientes do servizo de urxencias ás unidades correspondentes e así evitar situacións inaceptábeis para doentes, familias e profesionais".