A CIG comeza a recollida de sinaturas por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas

Desenvolverá actos en vilas e cidades para sumar o máximo de apoios
Nacional - 26 Feb 2021

Unha vez cumprimentados os trámites no Parlamento de Galiza e tras a Xunta Electoral admitir a trámite a Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, a CIG bota a andar a recollida de sinaturas en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades do país para sumar os máximos apoios para esta iniciativa. No tocante ás sinaturas, serán recollidas tanto nos locais da central como nos puntos de recollida que se anunciarán no decorrer da campaña

A pandemia da COVID-19 visibilizou a importancia e o carácter esencial dos coidados e deixou ao descuberto, non só o insuficiente investimento público destinado aos servizos de atención das persoas, senón tamén as perversións do modelo de xestión privada instaurado polo PP desde o goberno da Xunta de Galiza. Un modelo que concibe as necesidades asistenciais como un negocio que basea os seus beneficios na precarización das condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven estas tarefas.

A pandemia visibilizou a importancia e o carácter esencial dos coidados

Diante desta situación a CIG defende a necesidade de que se articule un Sistema Público de Atención ás Persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios.

Os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e precaria para pasar a ser considerados servizos esenciais, que deben ser prestados pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.