Comezan as mobilizacións do profesorado pola recuperación horario

Delegadas e delegados concentráronse diante da consellaría de Educación

Nacional -

Esta mércores arrincaron as mobilizacións do profesorado galego pola recuperación horaria cunha marcha arredor de San Caetano que rematou nunha masiva concentración de delegadas e delegados da CIG-Ensino e doutras organizacións sindicais diante da consellaría de Educación, no decurso da cal cantaron unha copla reivindicativa. O vindeiro 21 de novembro están previstas concentracións nas sete grandes cidades galegas.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, pediulle á Xunta que non use o persoal docente como arma política na súa pugna co goberno de Madrid e apelou ao propio Feijóo a que desbloquee a negociación da recuperación do horario lectivo, “despois de que se demostrase que a conselleira do ramo non ten peso político e que se limitou a transmitir meramente as consignas do seu xefe”.

Bermello pediulle tamén a Feijóo que non siga coa escusa dos fondos que ten que achegar o Estado porque isto supón estar empregando o profesorado galego como refén diante das súas liortas co goberno de Madrid.

Neste sentido, volveu recordar que en ningún momento a Xunta de Galiza lle devolveu ao Estado os cartos que aforrou con esta medida que supuxo a perda de miles de postos de traballo no ensino público galego.

Máis concentracións como antesala da folga

A seguinte acción está prevista para o día 21 de novembro. Todo o persoal docente está chamado a participar en concentracións que terán lugar nas sete grandes cidades galegas para reclamar que se devolva un dereito roubado que xa foi recuperado polo colectivo docente doutras sete comunidades do Estado.

Desde a CIG-Ensino chámase a participar masivamente nestas mobilizacións, así como tamén na folga do 12 de decembro “para recuperar a dignidade do profesorado e do ensino público vilmente atacado polos gobernos da Xunta e de Madrid nos últimos anos”.

Volver