Comité de Navantia e delegados/as das auxiliares concéntranse no Parlamento para esixir carga de traballo

CIG-Industria reivindica o complexo integral, diversificar actividade e recuperar a construción civil

Santiago -

Delegados e delegadas da industria auxiliar e membros do comité de empresa de Navantia concentráronse esta mañá diante do Parlamento galego para esixir carga de traballo inmediata que evite a expulsión ao desemprego do persoal das auxiliares; así como a modernización e dotación das infraestruturas necesarias para os estaleiros de Ferrol e Fene e recuperar a construción naval civil.

O secretario da CIG-Industria de Ferrol, Vicente Vidal, lembrou que onte saíu un dos buques australianos e a finais de ano rematarán as obras do segundo AOR, "polo que nos quedaremos sen ningunha carta de traballo, máis alá das reparacións e da eólica mariña". A consecuencia inmediata desta subactividade é "unha sangría de despedimentos na industria auxiliar, que se acelerará de aquí a finais de ano, porque dende hai máis de un ano non temos nada na grada. A obra nova está a cero e a única previsión de carga de traballo que hai é para comezar a cortar chapa en primavera de 2022".

Por iso, coa mobilización deste xoves quérese reclamar tanto dos gobernos como de Navantia carga de traballo urxente para evitar os despedimentos masivos do persoal das auxiliares, "porque estamos nunha situación desesperada", aseverou Vidal, incidindo na dependencia económica que a comarca ten deste sector. Aproveitando a sesión de investidura do presidente do Goberno galego, Vidal acusou a Feijoo de mentir nas anteriores lexislaturas sobre a carga de traballo para Ferrolterra, a comezar por aqueles famosos floteis para Pemex.

"O Goberno galego ten un papel importante que xogar, os estaleiros da ría son públicos e dende a CIG sempre reclamamos que a Xunta debe estar no Consello de Administración de Navantia e ten que exercer presión, porque as decisións que afectan a Fene e Ferrol, tanto sobre carga de traballo como sobre as propias instalacións e a organización, son decisións políticas", salientou.

3000 traballadores/as das auxiliares expulsados ao desemprego

A este respecto, o responsábel da sección da CIG en Navantia Ferrol, Marcelo Amado, subliñou que para os estaleiros do sur o Ministerio de Facenda xa autorizou o gasto para a construción dun buque de acción marítima "mentres que aquí haberá arredor de 3000 traballadores/as das auxiliares que serán expulsados ao desemprego". Amado demandou que se apuren ao máximo os prazos do programa de construción das fragatas F-110, que está previsto comecen en febreiro 2022 (aínda que dende a representación sindical temen que esta data se atrase), xa que ningunha outra actividade do estaleiro é capaz de absorber o volume o traballo que xera a construción dun buque.  

Xunto a isto, tanto Vidal como Amado puxeron o acento na preocupante situación dos estaleiros da ría ferrolá, atendendo a que as inversións previstas no plan estratéxico "están sendo moi cativas". "Para dotar as instalacións de futuro é imprescindíbel que Ferrol conte cun novo dique que nos permita actualizarnos a nivel tecnolóxico e competir no mercado internacional con éxito", recalcan. Porén, o denominado "estaleiro 4.0" e a nova infraestrutura está sufrindo atrasos continuados, cambios substanciais do proxecto inicial e mesmo dende a dirección de Navantia ponse en cuestións a súa materialización.

Complexo Integral da Construción Naval

Fronte a esta actitude, a CIG-Industria defende a necesidade aproveitar o impulso da construción das fragatas e as novas infraestruturas para saír ao mercado civil con propostas tecnoloxicamente avanzadas poñendo en valor turbinas, reparacións, e todas as áreas de negocio presentes na ría (como a eólica mariña) dun xeito integrado. E de igual xeito, dotar Fene de persoal de xestión, técnico e produtivo para poder afrontar proxectos de construción naval civil, porque "dende a CIG non imos renunciar nunca a ver un barco civil nas gradas da antiga Astano".

Volver