Comité de Vestas mobilizarase contra o despido dun operario e o incremento abusivo dos ritmos de produción

O venres día 6 entre as 13:00 e as 15:30 horas

A Coruña -

O comité de empresa da fábrica de Vestas en Chavín (Viveiro) ten convocada unha concentración para este venres, 6 de maio, entre as 13:00 e as 15:30 horas, en rexeitamento ao despedimento dun traballador e contra da decisión da compañía de incrementar o número de pezas por xornada laboral, nunha media dun 30%.

Esta decisión, denuncia o Presidente do Comité, Julio López Cribeiro (CIG), foi comunicada o pasado 4 de abril ao órgano de representación, mais sen contar co mesmo e sen ter en conta a sentenza do Tribunal Supremo -confirmatoria da resolución do Xulgado do Social 1 de Lugo-, "que recolle claramente a obrigatoriedade de negociación coa representación das traballadoras e traballadores". Unha obrigatoriedade que, critica, a "dirección se salta olimpicamente".

Para o Comité, esta modificación (que vai ser recorrida) está tamén  directamente relacionada co despedimento dun traballador o pasado 19 de abril "que se tiña pronunciado en contra do mencionado incremento". Este despedimento súmase a un anterior que finalmente foi declarado improcedente. "Agardamos que este caso acabe en readmisión", matiza.

Neste senso López Cribeiro engade que dende a aplicación do ERE en abril do ano pasado, "a presión e a actitude da dirección,  non só non cambiou, senón que cada vez é máis déspota. Parece que con este goteo de despedimento, queren acadar os 54 inicialmente propostos no ERE".

O nivel de presión, continúa o Presidente do Comité, chega ao estremo de contabilizar o tempo de ir ao aseo: "se acaso ven que faltas do posto 10 minutos, van buscar o persoal 'por si non se atopa ben'. Hai que ter en conta que dende algunhas partes da fábrica até os baños pódese tardar 3 minutos". Ademais, lamenta, mesmo se nos "prohibe falar co compañeiro ou compañeira do lado".

Volver