Comité e persoal de Vulcano inician un encerro no despacho da dirección para reclamar o pago de salarios
O comité de empresa e os traballadores/as de Vulcano permanecen pechados/as no interior do despacho da dirección do estaleiro vigués para reclamar o pago das cinco mensualidades que se lles adebedan e unha solución inmediata ás débedas coas auxiliares que permita comezar a traballar no único barco que a compañía ten en carteira.
A medida de presión foi adoptada coincidindo co remate do prazo fixado na última xuntanza mantida coa Xunta para intentar reunir a todas as partes implicadas (empregados/as, dirección, Igape, armador, Banco Santander e Pymar) co obxectivo de acordar o remate e entrega do único que barco que se atopa na factoría. Hai xa máis dun mes tivo lugar o último encontro entre as partes, no que quedou claro que o armador quería mercar o barco e que o Banco Santander estaba disposto a financialo.
Como condición puxeron que Vulcano tiña que entregar un informe no que se detallasen o estado no que se atopa a embarcación, os traballos pendentes e o custe dos mesmos. Mais a pesar de que o estaleiro entregou o documento, a situación non mudou e os traballadores/as continúan sen información ao respecto, coa presión engadida de que a partir de hoxe o armador pode renunciar ao contrato.
A semana pasada a representación sindical mantivo unha nova xuntanza no Igape coa Consellería de Industria, Pymar e XES Galicia na que o propio conselleiro lles solicitou que agardasen uns días porque ía convocar a todas as partes para despexar o futuro do proxecto, algo que a día de hoxe non sucedeu.
Dende a parte social trasladóuselle que non estaban dispostos/as a seguir aturando esta situación, polo que unha vez expirado o prazo fixado polo conselleiro decidiron pecharse no estaleiro. Ademais, anuncian que mañá non permitirán o acceso da dirección nin do armador ás instalacións de Vulcano.