O comité de Repsol convoca mobilizacións e unha xornada de folga contra a decisión de recortar persoal na unidade de Coque
O comité de Repsol decidiu, en reunión extraordinaria celebrada este martes, convocar un calendario de mobilizacións e unha xornada de folga de 24 horas na refinería da Coruña en resposta á decisión da empresa de eliminar unha persoa operadora por quenda de traballo na unidade de Coque. Os delegados e delegadas da CIG consideran esta medida como “unha grave irresponsabilidade” que pon en risco a seguridade e demándalle á petroleira recuar de inmediato neste recorte de emprego.
O calendario de mobilizacións desenvolverase os días 7, 14 e 22 de abril con concentracións de 14:45 a 15:30 horas na porta principal do complexo industrial. Ademais, para o día 27 de abril está convocada unha xornada de folga de 24 horas que afectará a todo o persoal da refinería.
A sección sindical da CIG explica que, neste momento, cun equipo permanente de dúas persoas, a carga de traballo na unidade de coque é inasumíbel polo que esta redución de efectivos “supón un risco directo e inaceptábel para a seguridade das persoas e das instalacións”.
Xa lle advertiu á dirección sobre as consecuencias que este recorte ten en materia de seguridade, “mais sen obter ningunha resposta clara nin garantías, o que demostra unha actitude neglixente e allea á realidade do traballo diario”. A sección sindical insiste en que “estamos ante unha decisión temeraria, inconsciente e perigosa”, propia dunha dirección que antepón criterios de carácter económico á seguridade e á saúde do seu persoal.
Diante disto, e a proposta da CIG, o comité reunirse de urxencia este martes para acordar a resposta a levar adiante. “Non imos permitir que se xogue coa nosa seguridade”, asevera a representación da central nacionalista, pondo o foco nos graves accidentes laborais que se teñen rexistrado na refinería nos últimos anos.
A este respecto, denuncian que unha compañía que durante o pasado ano incrementou un 8% as súas ganancias e anunciou un reparto millonario de beneficios entre accionistas, pretenda aforrar cartos de maneira miserábel suprimindo persoal e comprometendo a seguridade no complexo industrial da Coruña.
Estratexia de destrución de emprego
Denuncian a estratexia de destrución de emprego que está a executar Repsol “baixo unha falsa aparencia de modernización e transición enerxética” cuxo obxectivo é “deixar morrer pouco a pouco as instalacións sen investimento, mentres se destrúe emprego de maneira silenciosa”.
Para reverter esta realidade, a CIG exíxelle a Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.