Como fixo China para acabar coa pobreza?

Esteban Magnani -

Entre 2013 e 2020, case 100 millóns de persoas saíron da súa condición de extrema vulnerabilidade. A mellora económica xeral, a distribución dos ingresos, a educación e o acceso á saúde son ingredientes importantes para explicar este impresionante logro, pero non garanten nada si operan illados. Tamén se requiren consensos políticos e sociais dunha magnitude descoñecida en Occidente e unha mentalidade máis centrada no comunitario

 A fins de 2020, en pleno contexto pandémico, China anunciou ao mundo a erradicación da porbreza. Isto non foi só produto do impresionante crecemento económico dese país das últimas décadas senón tamén da mobilización de máis de dez millóns de militantes cara ás áreas rurais máis empobrecidas do oeste do xigante asiático. Equipos de funcionarios, docentes, empresarios, estudantes, médicos e asistentes sociais instaláronse entre un e tres anos en poboacións rurais para acompañaren o profundo proceso de cambio económico.

 O plan excedeu longamente o económico ou asistencialista. Só foi posíbel grazas a unha sociedade cunha mentalidade moi distinta á occidental, centrada máis na comunidade que no individuo, e tamén a partir da man visíbel do Estado. O extenso informe "Servir ao pobo: a erradicación da extrema pobreza en China" do Instituto Tricontinental de Investigación Social, con sedes en Arxentina, Brasil, A India e Sudáfrica, reúne información oficial, entrevistas e visitas ao territorio para dar conta das múltiples estratexias empregadas durante o ambicioso proxecto.

O crecemento non abonda

 A economía chinesa representaba preto dun terzo da economía global ao comezo do século XVIII e só un 5 por cento en 1949, cando se proclamou a República Popular China. Daquela, o país tiña unha das rendas per capita máis baixas do mundo. Contra 1978, malia anos moi difíciles con períodos de fame incluídos, había algúns sinais de mellora, xa que a expectativa de vida subira 32 anos en comparanza co período anterior á revolución.

 Naquel tempo comezaba a quedar claro que para seguir medrando nun país de case mil millóns de habitantes se necesitaría investimento e tecnoloxía estranxeiros. Da man do presidente nese período, Deng Xiaoping, decidiuse abrir as portas ao investimento estranxeiro. O resultado é coñecido: entre 1978 e 2017 a economía chinesa creceu un 9,5 por cento anual grazas á instalación de empresas que aproveitaron a man de obra barata pero se viron obrigadas a facer transferencia tecnolóxica, con resultados que se fan cada vez máis evidentes. Grazas ao veloz crecemento da economía, a pobreza extrema reduciuse de 770 millóns en 1978 a 122 millóns en 2011, número que aínda representaba un 9,1 por cento da poboación.

 Como explica o citado informe, o coeficiente Gini que mide a desigualdade empeorara dun 29 por cento en 1981 a un 49 por cento en 2007, para baixar apenas en 2012. É dicir, que o prezo do crecemento era un notorio aumento da desigualdade. En 2017 nun congreso do Partido Comunista, o presidente Xi Jinping dicía que "o principal problema é que o noso crecemento é desequilibrado e inadecuado. Isto converteuse no principal factor de atranco para satisfacer as crecentes necesidades da poboación dunha vida mellor".

Paso a paso

 China desenvolveu o Programa de Redución Focalizada da Pobreza de China (RFP) que se resume como "Un ingreso, dúas seguridades e tres garantías". Primeiro estableceuse que o ingreso mínimo para considerar a alguén por riba da pobreza estaba nos 2,30 dólares diarios, por riba dos 1,90 propostos polo Banco Mundial.

 As dúas seguridades a alcanzar serían o alimento e a vestimenta. As tres garantías: servizos médicos básicos, vivenda (con auga e electricidade) e educación gratuíta e obrigatoria. Cada un destes obxectivos requiriu estándares determinados de medición. Por exemplo, o acceso á auga potábel debía situarse a non máis de vinte minutos ida e volta e debía ser segura.

 Unha vez definida a pobreza e que se necesitaba para abandonala, era necesario saber cantos pobres había e con que características. En 2014, 800.000 membros do partido saíron ao campo e identificaron persoas en pobreza extrema en 128.000 aldeas. Despois dous millóns de persoas verificaron os datos e depuraron os listados grazas a un sistema de rexistro de datos informatizado. O número final de xente pobre coa que se debía traballar era de 98,99 millóns.

A longa marcha

 Cos datos e os obxectivos claros, preto de tres millóns de membros do partido organizados en 255.000 equipos partiron dos seus fogares para viviren durante un a tres anos nas aldeas seleccionadas, onde convivirían e traballarían xunto aos campesiños, funcionarios locais e voluntarios.

 Milleiros de empresas asociáronse con proxectos puntuais para dar asistencia a algunhas aldeas en particular. Creáronse parques industriais e agrícolas, ademais de proxectos enfocados ao turismo local. Segundo o informe, entre 2015 e 2019 os talleres para formar centros de produción de pequena escala en terras ociosas ou en fogares axudaron a triplicar a renda per capita.

 Case dez millóns de persoas migraron cara a novas comunidades urbanas que contaban con gardarías, escolas, hospitais, centros comunitarios, de atención á terceira idade e centros culturais. A inmensa maioría conseguiu traballo e decidiu quedar mentres que algúns, sobre todo os máis anciáns, preferiron volver ao seu lugar de orixe.

 Asistentes sociais visitaban a xente para axudala en tarefas como aprender a utilizar o ascensor ou cruzar as rúas. Preto de mil centros de saúde se vincularon con hospitais de primeira liña e miles de traballadores dese sector viaxaron para capacitarse. Outros proxectos dirixíronse a tentar recuperar a saúde do ambiente con empregos no sector ecolóxico: 1,1 millóns de persoas comezaron a traballar como gardas forestais e case cinco millóns de hectáreas de terras agrícolas foron reconvertidas en bosques ou campos de pastos.

 Preto dun millón de profesores traballaron con dezasete millóns de mestres rurais para darlles capacitación. Nalgunhas universidades, entre 2011 e 2018 o 70 por cento dos estudantes eran os primeiros das súas familias en accederen a estudos de grao. Corenta e catro universidades se instalaron en distintas zonas para levar adiante proxectos no territorio con investigadores, docentes e estudantes de distintas áreas.

Controis cruzados

 Para verificar os resultados rexistrados polos equipos, fixéronse avaliacións de distinto tipo. Por exemplo, as provincias facíanse seguimento mutuamente con traballadores que ían coñecer o realizado noutra provincia e así verificar a información fornecida. O grupo coordinador do plan tamén foi ao territorio a avaliar de primeira man os resultados e realizouse un seguimento social con controis aleatorios por parte do partido.

 A corrupción é un gran problema de China e a súa erradicación forma parte dunha das principais promesas do actual presidente. No caso da loita contra a pobreza, en 2020 detectáronse 161.500 casos de corrupción. Dezaoito funcionarios de alto nivel foron sinalados. Segundo a nova política contra a corrupción, os responsábeis de controlar o traballo dos seus subordinados son sinalados aínda que non participen directamente.

Outro Estado

 Resulta difícil imaxinar desde Occidente que millóns de persoas se mobilicen para traballar sobre a pobreza, un problema que adoita ser visto como unha responsabilidade do Estado e este algo alleo do cidadán medio.

 Un profesor da Universidade Agrícola de China explicou aos investigadores da Tricontinental: "A sociedade chinesa é moi diferente das sociedades occidentais porque se basea no colectivo e non no individual. Isto reflíctese na forma de organizar a sociedade. O goberno traballa con organizacións sociais, as redes políticas e sociais fúndense nun todo, nunha forza dirixente, organizada vertical e horizontalmente, que permite que todo o mundo se una a esta campaña social". Outra cuestión, nada menor, é a simbiose entre o Estado chinés e o Partido Comunista Chinés (PCCH) que conta con máis de 95 millóns de membros.

 Grazas aos valores fortemente comunitarios da cultura chinesa, unha militancia comprometida e unha xestión capaz de mostrar resultados rápidos, o Estado non é visto pola maioría como algo alleo e perigoso senón como unha ferramenta que permite resolver enormes problemas.

 En 2020, a Universidade de Harvard publicou o estudo "Comprender a resiliencia do PCCH: enquisas de opinión pública chinesa ao longo do tempo". O traballo foi realizado entre 2003 e 2016 e foron preguntados uns 31.000 residentes urbanos e rurais. Entre eses anos, a satisfacción da cidadanía chinesa co seu goberno aumentou do 86,1 por cento ao 93,1 por cento. Nas zonas rurais nas que a aprobación era de só o 43,6 por cento pasou ao 70,2 por cento, especialmente entre os residentes de menores ingresos.

Leccións?

 Tings Chak, Coordinadora do Departamento de Arte da Tricontinental, membro do Colectivo de Noticias Dongsheng, contou a Cash que para realizar o informe observaron "a literatura, falamos con expertos chineses e doutros países". Esta hongkonesa partiu de Shanghai, onde vive, para "baixar ao campo e falar con cadros, campesiños, mulleres e xente moza que foron bastante abertos para contar as súas experiencias de participación no programa de erradicación da pobreza".

 O impresionante logro da sociedade chinesa demostra que a loita contra certos niveis de pobreza é un desafío con múltiples niveis. A distribución da renda, a educación, o acceso á saúde son todos ingredientes importantes, pero non garanten nada si operan illados. Unha decisión política dese tipo require consensos políticos, económicos e sociais de tal magnitude que posibelmente non sexan trasladábeis a Occidente. Aínda así, desde a distancia, paga a pena analizar o fenómeno para ver que leccións se poden tirar.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página 12, do 10 de outubro de 2021]

Volver