Compañeiro Antón González, a loita continúa!

Foi referente sindical durante moitos anos en Alcoa San Cibrao e secretario comarcal da CIG-Industria
A Mariña - 01 Mar 2021

A Confederación Intersindical Galega quere trasladar o sentido pesar polo pasamento do compañeiro, Antón González, durante moitos anos referente sindical en Alúmina-Aluminio e na comarca da Mariña. A CIG recoñece o seu labor incansábel na defensa dos dereitos da clase obreira e o seu compromiso social.

Antón foi delegado da sección sindical da CIG en Alcoa, secretario da Federación de Industria en Lugo-A Mariña, e alí onde lle tocase estar sempre levou a cabo o seu labor sindical con coherencia, con firmeza, mais tamén con ese positivismo e con ese bo humor e eterno sorriso que o acompañou até o final. Tal e como destacan dende a Unión Local da Mariña "un bo e xeneroso, todo un ferreiro dun mundo mellor".

Xubilado xa dende hai uns anos, continuou colaborando e axudando no que fixera falta e facendo gala dunhas enormes gañas de vivir que non foron suficientes para vencer unha fatal enfermidade.

Todo o  noso recoñecemento á súa traxectoria e á súa persoa e o noso apoio a compañeiros/as, familia e amizades. Até sempre compañeiro, que a terra che sexa leve!