“Compromiso Vodafone, despedir sen compaixón!”

Persoal da empresa de telecomunicacións rexeita en Vigo o ERE para 500 traballadores/as no Estado, 17 deles/as en Galiza
Vigo - 25 Out 2021

Persoal de Vodafone mobilizouse este sábado en Vigo ao berro de “Compromiso Vodafone, despedir sen compaixón!” para rexeitar o novo ERE que vén de presentar a compañía de telecomunicacións e que vai supoñer o despedimento de arredor de 500 traballadores/as de tendas e de oficinas en todo o Estado, 17 eles/as en Galiza.

A empresa está a negociar cos sindicatos un novo ERE tras os presentados con anterioridade, o último deles en 2019 e que supuxo que abandonasen a compañía 1000 persoas a nivel estatal, aínda que as mobilizacións do persoal, sobre todo dos empregados/as galegos/as, conseguiron rebaixar a cifra de afectados/as e mellorar as condicións. A CIG rexeitara daquela un acordo -ao igual que agora se opón ao novo ERE- que fora asinado por UGT, CCOO e STC.

Nesta ocasión a compañía de telecomunicacións quere desfacerse de 17 persoas máis no noso país, 10 na Coruña e 7 en Vigo. Trátase tanto de persoal de tendas (10) como de oficinas (7).

Por iso a representación sindical chaman da CIG na empresa decidiu convocar unha concentración este sábado día 23 diante das tendas de Gran Vía 11, en Vigo, que se desenvolveu entre as 12:00 e as 14:00 horas. Con elas quixeron amosar a súa oposición aos despidos e denunciar que “unha vez máis os de arriba toman decisións inxustas e inxustificadas que afectan aos de abaixo”.

Nun principio estaba previsto que a protesta se desenvolvese tamén na Coruña -onde a CIG non ten representación-, pero finalmente optouse por desconvocala, ao igual que no resto do Estado.