Concentración contra a decisión de repetir o xuízo ás persoas encausadas polo caso Bateragune

“É un ataque á democracia, á xustiza con maiúsculas, e ao sentido común”

Nacional -

Compostela acollía esta mañá unha concentración contra a decisión do Tribunal Supremo de repetir o xuízo ás cinco persoas encausadas no caso Bateragune. Unha decisión sen precedentes fronte á que as persoas concentradas denunciaron que “non é xustiza, é vinganza” e demandaron democracia e liberdade. Ao remate da concentración Pablo Carracedo (Jásper) e Elvira Souto deron lectura a un manifesto apoiado por diferentes organizacións políticas, sindicais e sociais.

 

Manifesto

Á altura do ano 2011, a Audiencia Nacional sentenciaba con penas de prisión aos dirixentes políticos vascos Arnaldo Otegi, Rafa Díez, Sonia Jacinto, Arkaitz Rodríguez e Miren Zabaleta. O seu delito, apostar por vías inequivocamente pacíficas e democráticas para a resolución do conflito político vasco.

Porén, a resposta xudicial a esta aposta pola Paz, fixo que estas cinco persoas pasasen entre seis anos e seis anos e medio das súas vidas en prisión, cumprindo integramente as penas impostas, e dez anos de inhabilitación, o que lles supuxo tamén ver eliminados os seus dereitos de participación política.

Posteriormente, xa en novembro de 2018, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciaba que o xuízo realizado non fora xusto nin imparcial, e que se vulneraran os dereitos das encausadas e encausados, así como a Convención Europea de Dereitos Humanos. Un duro revés para a xustiza española, que non sería o primeiro nin o último, e que a retrata como profundamente antidemocrática e vingativa.

Aínda así, hai só uns días, o Tribunal Supremo, nunha decisión sen precedentes, porque supón o xulgamento en dúas ocasións polo mesmo delito, acordou a repetición do xuízo ás cinco persoas citadas.

 

Arnaldo, Rafa, Sonia, Arkaitz e Miren, teñen toda a nosa solidariedade. Estamos con eles e con elas. Mais a decisión do Tribunal Supremo non só ten a ver co caso Bateragune. Non se trata só dunha decisión que afecte a cinco persoas que van ser sometidas, máis unha vez a un xuízo inxusto. Tampouco ten a ver só coa esquerda soberanista vasca. Vai moito alén de todo isto. É un ataque á democracia, á xustiza con maiúsculas, e ao sentido común.

Hoxe son eles e elas, mais mañá podemos ser calquera de nós. Calquera que defenda o dereito democrático a decidir dos pobos. Calquera que defenda a democracia.

Tamén aquí, na Galiza, padecemos as consecuencias máis represivas dunha xustiza española que ten pouco de xusta, e moito de española. 12 independentistas, así como as organizacións Causa Galiza e Ceivar, están á espera da sentenza da Audiencia Nacional que podería provocar penas de privación de liberdade e ilegalización desas organizacións.

 

Ou a moi recente sentenza do Tribunal Constitucional, que reafirma a condena a un afiliado da CIG por entender que a “ultraxe” á bandeira española non se ampara na liberdade de expresión. Tamén outras 19 persoas, as e os 19 de Meirás, se enfrontarán na mesma Sala Segunda do Tribunal Supremo, a un xuízo grotesco após denuncia da familia Franco, con petición de penas de prisión, por reivindicaren a devolución do pazo de Meirás ao pobo galego.

Este é o aparello xudicial que temos e que padecemos. Persecución á disidencia política, vulneración da liberdade de expresión, ou conculcación de dereitos democráticos básicos, caracterizan as actuacións xudiciais no Estado español.

Este cadro simboliza a continuidade das estruturas de poder real procedentes da ditadura, e que permite, máis de 40 anos despois, que se continúe a perseguir a liberdade de expresión e a encarcerar persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas.

 

Por certo, é outro, moi diferente, o trato xudicial que reciben a Casa Real española, os mandos militares, ou as elites económicas que seguen a sustentar o control do Estado español. En definitiva, a xustiza no Estado español non é “igual para todos”, como sempre defenden, nin é independente nin imparcial.

Por iso estamos aquí. Por iso, aínda neste contexto de restricións derivado da pandemia do COVID-19, cremos indispensábel que desde a Galiza haxa unha resposta en termos democráticos e de solidariedade. Considerámolo o noso deber como demócratas.

Porque é máis importante que nunca parar a quen cren que todo vale para preservar o seu legado e ideario político. Aqueles que forman parte desa España autoritaria que nunca desapareceu teñen moi claro o que facer cando ven ameazados os seus privilexios, e non dubidan en utilizar todas as súas ferramentas políticas e xudiciais, e mesmo ameazan con activar as súas ferramentas militares.

Nós non lles temos medo. Denunciamos a inxustiza e proclamamos a nosa defensa da democracia e da liberdade. Non nos van calar.

Desde Galiza, toda a nosa solidariedade coas encausadas no caso Bateragune. Por elas, por eles, e por nós. Xustiza, democracia, dignidade e liberdade.

Moita forza, e adiante sempre!

 

Volver