Concentración contra a represión sindical en REFESA e para esixir a readmisión do traballador despedido

A protesta realizouse coincidindo coa celebración do xuízo

Ferrol -

A CIG concentrouse este luns ás portas dos xulgados de Ferrol para denunciar a represión sindical practicada por REFESA e esixir a readmisión do traballador despedido. Esta é a segunda ocasión que a empresa despide a este compañeiro, que xa gañara a nulidade ao entender o xulgado que a decisión patronal non tiña outra motivación que tentar evitar que se presentara ás eleccións sindicais na candidatura da CIG.

Malia as manobras antisindicais de Remolcadores Ferrolanos, o traballador saíu elixido delegado de persoal, ostentando esta condición até xullo do pasado ano. "A dirección nunca asumiu a actividade sindical do compañeiro", denuncia a FGAMT-CIG, quen pon o acento no acoso constante no tempo que vén sufrindo o traballador e que ten un novo episodio de grave vulneración dos dereitos e liberdades sindicais co segundo despedimento. Cómpre subliñar que neste momentos, o afectado ostentaba a condición de delegado sindical pola CIG "e para xustificar a medida, a empresa impútalle feitos ad hoc".

A concentración convocouse con motivo da celebración este luns do xuízo polo despedimento, do que se pide a nulidade pola súa clara intención represiva. A FGAMT-CIG de Ferrol critica este tipo de prácticas antisindicais "e mais propias de tempos pasados" que emprega a dirección de REFESA, advertindo que non tolerarán estas accións "antisindicais e ruíns a través das que a empresa pretende destruír persoal e laboralmente a unha persoa polo feito de defender a legalidade e os dereitos dos seus compañeiros e compañeiras".

Volver