Concentración contra a represión sindical na xustiza

- 06 Feb 2019

Mañá, 7 de febreiro, cumprirase un ano do inicio da histórica folga que durante catro meses desenvolveron os traballadores e as traballadoras da Administración de xustiza galega. Pero a día de hoxe, aínda hai delegados e delegadas sindicais que está a sufrir represión por exercer o seu labor durante a folga. Este é o caso da nosa compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG no sector de xustiza, que ten pendente un expediente disciplinario e un xuízo, por mor da denuncia dunha letrada, que a Fiscalía elevou ao xulgado.

A denuncia que motivou a instrución tivo a súa orixe na queixa presentada por esa funcionaria diante do TSXG despois de que un piquete informativo falase con ela nunha das xornadas da folga, a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos

Por este motivo, a CIG ten convocada unha concentración para mañá, xoves 7 de febreiro, ás 11:30 horas, diante da antiga fábrica de tabacos da Coruña, en defensa da liberdade e o traballo sindical e en apoio á compañeira Chelo. Dáse así continuidade ás mobilizacións mensuais que a central sindical vén desenvolvendo contra a represión sindical na xustiza e que desta volta coincide co aniversario do inicio da folga no sector.