• Nova

Concentración contra o despido de 4 traballadores contratados en fraude de lei en Ambulancias Ortigueira

A mobilización coincidiu co primeiro dos catro xuízos en demanda da súa conversión en indefinidos
Ferrol - 28 Feb 2022

A FGAMT-CIG mobilizouse esta mañá diante dos xulgados de Ferrol coincidindo coa celebración do primeiro dos xuízos contra os despedimentos de catro traballadores da UTE Ferrol Servizos Sanitarios, en concreto de Ambulancias Ortigueira, que estaban con contratos en fraude de lei e en demanda da súa conversión en indefinidos.

Segundo explica Beatriz Fernández González, Ambulancias Ortigueira despediu aos traballadores por fin de contrato temporal cunha indemnización de 12 días por ano traballado cando “nós consideramos que terían que ser infefinidos”. Unha situación diante da que a CIG intentou falar coa empresa, sen éxito, o que obrigou a presentar as demandas.

Lembra que “estamos en conflito seguido coa UTE e, nomeadamente con Ambulancias Ortigueira” e advirte de que se non se fai presión, a empresa “en 3 días se leva por diante a media plantilla”.

Por iso, mañá martes, día 1 de marzo, teñen prevista unha xuntanza co xerente da UTE ao que lle comunicarán a súa intención de convocar mobilizacións e mesmo paros se non se chega a un acordo.

Ademais esta prevista a convocatoria dunha asemblea de traballadoras e traballadores para esta semana, na que previsiblemente se confirmen esas convocatorias porque “se non nos movemos van arrasar”.

A FGAMT-CIG xa tivo que convocar folga a finais de ano, tras Ambulancias Ortigueira conseguir a concesión, e que denunciar a esta empresa diante da Inspección, por varios motivos, sen que esta contestara aínda.

Fernández González chama ademais a atención sobre o feito de que dous dos traballadores continúan despedidos, pero outros dous volveron ser chamados aínda sabendo que está esa demanda presentada.